A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, e o deputado José Manuel Mato salientaron hoxe en Lugo “o salto cualitativo na atención aos maiores de Lugo que suporá a realización das obras de remodelación da residencia As Gándaras, nas que a Xunta investirá preto de 8 millóns de euros”.
Nunha visita á propia residencia para coñecer a súa situación actual, Cristina Sanz e José Manuel Mato explicaron que as obras permitirán implantar neste centro lucense o novo modelo residencial de maiores da Xunta, que ten como piares fundamentais a atención personalizada, a mellora dos equipamentos, o uso das novas tecnoloxías e a formación continua dos profesionais. “O obxectivo é que os nosos maiores se sintan nestas residencias como nos seus propios fogares, poñendo á súa disposición os mellores medios e sistemas para ter unha atención de máxima calidade”, apuntaron.
En concreto, as obras na residencia As Gándaras, que foron adxudicadas por 7.931.000 euros cun prazo de execución de 16 meses, abranguen a mellora da accesibilidade da entrada ao centro; a reorganización das habitacións das plantas, desde a cuarta ata a oitava; a reordenación da parte central do núcleo da primeira planta; a creación dunha terraza transitable na planta primeira; a mellora do illamento exterior; e a renovación xeral da estética, que pasará a ser predominantemente blanca.