Os deputados do Grupo Popular Roberto Rodríguez e Paula Mouzo visitaron a tenda solidaria que a asociación Dignidad Galicia ten en A Coruña (Avda. Alcalde Liaño Flores, 17) para destacar o seu labor de atención a máis dun milleiro de persoas e familias en risco de exclusión social que vén realizando nesta cidade
Roberto Rodríguez e Paula Mouzo explican que Dignidad Galicia xestiona, co apoio económico da Xunta, un ambicioso programa de inclusión de persoas sen fogar. En concreto, as dúas casas de familia coas que conta esta entidade na provincia de A Coruña, integradas na rede de centros concertados da Xunta, dan cobertura a nenos e nenas en situación de desprotección.
Así mesmo, Dignidad Galicia ofrece apoio en materia de inserción social e laboral para que cada persoa sexa capaz de desenvolverse por si mesma en todas as facetas da súa vida, co obxectivo de que poida acadar o pleno desenvolvemento da súa dignidade humana.
Os deputados populares visitaron a tenda solidaria que Dignidad Galicia ten na cidade de A Coruña, uns locais que serven para canalizar a roupa doada por particulares, empresas e outros centros a aquelas persoas que realmente a necesitan. Estas tendas tamén supoñen unha fonte de ingresos para a entidade, xa que a través delas procédese á reciclaxe e venda desta roupa, xerando uns recursos económicos que se destinan a outros proxectos de atención social.