Os deputados do Grupo Popular José Luís Ferro e Víctor Baladrón, acompañados da portavoz do PP no Concello de Ourense, Ana Méndez, visitaron a CIFP Portovello da capital ourensá, onde destacaron a importancia da formación profesional como motor de emprego e cualificación profesional. En concreto, subliñaron a alta inserción laboral dos estudantes de FP en Galicia, que acada o 85,6 por cento no conxunto de ciclos e chega incluso ao 97 por cento na modalidade dual.
José Luís Ferro e Víctor Baladrón salientaron o notable incremento do número de matriculados en formación profesional en Galicia nos últimos anos, consolidando este modelo formativo como unha opción cada vez máis elixida pola mocidade. Así, Galicia conta este curso 2025-2026 con máis de 71.200 estudantes matriculados en FP, o que supón un novo récord de alumnos ao incrementarse o 3,5 por cento respecto ao pasado curso.
EXCELENCIA FORMATIVA
Ademais, lembraron que 21 das 23 familias profesionais que se imparten en Galicia superan o 80 por cento de inserción laboral. Máis en concreto, apuntaron que 25 ciclos logran o 100 por cento de empregabilidade e 63 ciclos superan o 90 por cento, consolidando a FP como unha ensinanza de futuro.
Respecto do CIFP Portovello, destacaron que o ciclo de Mobilidade Segura e Sostible rexistra un 100 por cento de inserción laboral, un dato que reflicte a demanda real do mercado e a calidade da formación impartida. Neste sentido, destacaron que “centros como este de Ourense se teñen consolidado como espazos de excelencia formativa, en contacto directo coas empresas e cunha orientación clara cara á empregabilidade do alumnado”.