A deputada do Grupo Popular Ethel Vázquez, acompañada da portavoz do PP en Sada, Esperanza Arias, visitaron esta mañá as instalacións da depuradora de augas residuais deste concello, na que a Xunta ten previsto investir o vindeiro ano 7 millóns de euros para rematar os traballos de ampliación e modernización destas instalacións. “A auga é un recurso esencial para a saúde pública, o benestar social e o desenvolvemento económico, e garantir a súa dispoñibilidade en cantidade e calidade adecuadas é clave para a vida diaria dos cidadáns”, manifestaron.
Ethel Vázquez e Esperanza Arias lembraron que, aínda que as competencias en abastecemento, abastecemento e depuración de augas son municipais, a Xunta investirá un total de 12,6 millóns de euros na ampliación e modernización da EDAR de Sada, co obxectivo de dotar a este concello dun equipamento máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades actuais e futuras da poboación. Así, esta actuación permitirá que este concello coruñés conte cunha depuradora dotada de novas tecnoloxías de depuración e cunha capacidade de tratamento para dar servizo a máis de 30.000 habitantes.
COMPROMISO DA XUNTA
“Esta actuación é un exemplo do compromiso firme do Goberno galego coa mellora das infraestruturas hidráulicas, co obxectivo de garantir un saneamento eficaz, protexer os recursos hídricos e mellora a calidade de vida de todos os veciños e visitantes de Sada”, sinalaron.
Neste sentido, destacaron que esta obra “demostra a implicación e esforzo da Xunta para asegurar un futuro máis limpo e sostible para Galicia, apostando por unha calidade das augas e pola modernización das infraestruturas municipais”.