Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e José Luis Ferro salientaron hoxe o investimento de máis de 300.000 euros que a Xunta de Galicia está a facer na recuperación e posta en valor da Igrexa de Santa María a Real en Entrimo, un monumento declarado ben de interese cultural e que representa o mellor exemplo do estilo churrigueresco de toda Galicia.
Acompañados polo concelleiro popular José Luís Domínguez, Cristina Campero e José Luis comprobaron in situ o avance dos traballos de restauración e mantemento que se están a realizar na Igrexa de Santa María a Real, que buscan garantir a conservación, seguridade e accesibilidade deste ben de relevancia histórica e patrimonial. Neste sentido, destacaron que as obras destacan pola súa importancia para a protección do legado cultural e arquitectónico da zona, contribuíndo ao desenvolvemento do rural e á dinamización cultural da comunidade.
APERTURA Á SOCIEDADE
A deputada Cristina Campero salientou “a aposta firme do Goberno galego pola salvagarda do patrimonio cultural e o valor destas actuacións para as xeracións presentes e futuras no marco dunha política que busca tanto a conservación técnica dos bens como a súa apertura á sociedade e a promoción do coñecemento da nosa historia e identidade cultural”.
Pola súa banda, o deputado José Luis Ferro sinalou que “o impulso a este tipo de proxectos reflicte o compromiso co desenvolvemento integral dos concellos galegos, así como coa protección dos seus activos culturais e turísticos, destacando a importancia de manter estes bens en bo estado de conservación para favorecer tanto a investigación como a difusión patrimonial”.
José Luis Domínguez agradeceu a presenza dos deputados e puxo en valor “a colaboración entre as administracións para facer realidade actuacións que, ademais de preservar o patrimonio cultural e relixioso, xeran oportunidades de emprego e dinamización económica no ámbito local”.