As deputadas do Grupo Popular Katy Varela, Encarna Amigo e Raquel Arias destacaron hoxe que a posta en marcha dun segundo equipo para o servizo de hospitalización a domicilio (HADO) do Hospital de Monforte permitiu incrementar en máis de 15.000 o número de pacientes atendidos, ao sumar á súa cobertura actual os concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.
Katy Varela manifestou que a Xunta “continúa avanzando na mellora da atención sanitaria na comarca de Monforte coa dotación deste segundo equipo para o servizo de hospitalización a domicilio, un modelo asistencial que permite ofrecer coidados de rango hospitalario no propio domicilio do paciente, con todas as garantías de calidade, seguridade e humanización”.
Este segundo equipo de HADO no distrito sanitario de Monforte conta cunha dotación completa formada por un médico, tres enfermeiras e un vehículo propio, o que permite unha atención continuada, coordinada e de proximidade. Con este novo equipo amplíase a cobertura do servizo de hospitalización a domicilio a máis de 43.000 persoas, xa que agora, aos concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao que xa gozaban desta atención sanitaria, súmanse os municipios de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.
EVITAR INGRESOS INNECESARIOS
Encarna Amigo explicou que a hospitalización a domicilio está dirixida a pacientes con patoloxía médica aguda, crónica agudizada ou avanzada, pacientes paliativos, así como a persoas que, tras unha intervención cirúrxica, poden continuar a súa atención na casa evitando estancias hospitalarias innecesarias. “Este servizo, nunha provincia como a de Lugo cunha poboación cada vez máis envellecida e con alta prevalencia de enfermidades crónicas, é clave para ofrecer coidados de calidade, evitar ingresos innecesarios, mellorar a calidade de vida dos pacientes e reforzar unha atención sanitaria máis humana e cercana”, apuntou.
Ademais, as deputadas populares afirmaron que este modelo asistencial se apoia no desenvolvemento tecnolóxico do sistema sanitario galego. En concreto, lembraron que os profesionais de HADO dispoñen de acceso á historia clínica electrónica desde o domicilio do paciente, o que facilita a continuidade asistencial e permite xestionar en tempo real ingresos, probas diagnósticas e prescricións farmacolóxicas, mellorando a seguridade do paciente e a coordinación entre niveis asistenciais.