4 de abril de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, destacou que os datos oficiais do sistema de información sobre listas de espera do Sistema Nacional de Saúde que vén de publicar hoxe na súa web o Ministerio de Sanidade, cos datos a peche do ano 2022, acreditan que Galicia se mantén como unha das comunidades con menor lista de espera, concretamente a terceira no caso de intervencións cirúrxicas tras Madrid e Euskadi e a terceira tamén no caso de primeiras consultas de especialista, neste caso tras Euskadi e Baleares.
Alberto Pazos referiuse tamén o contexto nacional da evolución destes datos. Así, por exemplo, valorou que Galicia manteña en 75 días a súa media de espera cirúrxica, co mesmo dato que no último informe semestral (xuño de 2022), mentres a media nacional aumentou nese mesmo período en 9 días: dos 113 de xuño aos 122 de finais de decembro.
Este incremento na media nacional débese, aclarou Pazos, á mala evolución da espera cirúrxica en comunidades onde a sanidade pública está xestionada por nacionalistas ou socialistas e que xa contaban con esperas moi elevadas: Cataluña, pasa de 151 días a 154; Cantabria se eleva de 132 días a 154; Estremadura ascende dos 139 días aos 156; ou a gran subida de Castela a Mancha, que pasa de 111 días a lograr, con 157 días, a maior espera de España xunto a Canarias.
Do mesmo xeito, Alberto Pazos puxo en valor que a porcentaxe de pacientes que agarda máis de 6 meses por unha intervención situouse no 6,7% en Galicia, mentres se dispara ata o 22% na media nacional, fronte ao xa elevado 17,6% que rexistraba en xuño. O dato galego, o segundo menor de España, atópase así moi lonxe das porcentaxes superiores ao 30% que se rexistran en Cataluña, Cantabria ou Estremadura.
No caso das primeiras consultas de especialista, o viceportavoz popular destacou que, mentres a suba media nacional, neste período foi de 16 días (de 79 a 95), en Galicia se quedou en 66 días, case un mes menos que a media española.
INTENSIFICACIÓN ASISTENCIAL
En todo caso, Alberto Pazos asegurou que o PPdeG non está satisfeito coa situación, porque o obxectivo continúa a ser retornar aos mellores datos de lista de espera da historia de Galicia conseguidos co Goberno de Alberto Núñez Feijóo a finais do ano 2019: unha media de 54 para intervencións cirúrxicas e de 42 para primeiras consultas de especialista. Uns datos récord que foron interrompidos a comezos de 2020 pola irrupción da pandemia da Covid-19, que afectou gravemente á organización asistencial.
Neste sentido, lembrou que para corrixir isto a Xunta aprobou no primeiro Consello deste ano 2023 un plan de intensificación asistencial no Servizo Galego de Saúde para mellorar substancialmente estes tempos e acadar ese obxectivo de que ao final deste ano 2023 se consigan datos iguais ou mellores aos datos prepandemia de finais de 2019.
Alberto Pazos agradeceu ao persoal da sanidade pública galega que está a traballar, tanto en xornada ordinaria como en quendas extraordinarias, para manter a Galicia entre as comunidades con menores esperas e agora para executar ese plan de intensificación que devolva á Comunidade galega aos mellores datos da súa historia.