O PPdeG urxiu ao Concello de Vigo e ao Consorcio da Zona Franca a reafirmar o seu compromiso e avanzar, con pasos certos, na
recuperación dos antigos terreos da ETEA; tras demorar máis de oito meses a sinatura do convenio coa Xunta para a urbanización do ámbito da PS1, fundamental para actuar neste espazo e no que a Administración autonómica ten comprometido un investimento de 10,5M€.
Durante unha visita aos terreos, os parlamentarios populares, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, acompañados da presidenta do PP local, Luisa Sánchez, incidiron en que a única administración que está a cumprir con Vigo é o Goberno galego. Así, recordaron que, desde a primavera de 2025, as únicas obras que están en marcha son as do ámbito PS6. Uns traballos que, tal e como indican, permitirán garantir o subministro dos servizos básicos para a construción da residencia de maiores pública autonómica que construirá a Fundación Amancio Ortega.
Os deputados do PPdeG recordaron que o Goberno tivo que agardar máis de oito meses pola sinatura para a urbanización do ámbito PS1, propiedade do Concello de Vigo. E, o que é aínda peor, tras este adiamento, e nun xesto de “manifesta deslealdade” organizaron unha sinatura pública á que non convidaron á Xunta, que é a administración que ten o compromiso de investir na urbanización desta área 10,5M€.
Así, instaron a que tanto o concello como a Zona Franca “deixen de poñer paos nas rodas” de xeito permanente e marquen unha data para que non se atrase máis o desenvolvemento do ámbito PS1. Neste punto, afeáronlle ao concello e a Zona Franca o seu comportamento “nada colaborativo” e dirixido á que a Xunta non invista en Vigo.