O PPdeG quixo hoxe poñer en valor o traballo diario dos seus alcaldes e alcaldesas en toda Galicia enxalzándoos como os garantes dunha política “de proximidade, seriedade e xestión” e destacando que “sempre poñen os intereses dos veciños por enriba dos intereses partidistas”.
Fíxoo a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, que esta mañá participou na segunda edición da Carreira e Andaina Popular Concello da Pastoriza xunto á presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada autonómica, Nicole Grueira, e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide. Un evento que serviu de homenaxe ao recentemente falecido exalcalde do municipio, Pepe Yáñez, polo que se gardou un minuto de silencio.
Quen durante máis de dúas décadas liderou a Alcaldía da Pastoriza é precisamente, en palabras da número dous dos populares galegos, un dos “referentes” do municipalismo do PPdeG e por iso o seu legado guiará ao partido no proceso de renovación dos equipos de cara as vindeiras elección municipais de 2027.
“Temos que facer fronte a un PSOE totalmente asolado pola corrupción e apoiado nos independentistas, cada vez máis radicalizados”, asegurou Paula Prado en referencia ás críticas do BNG á concesión da Medalla de Galicia á Princesa Leonor. “Nós seguiremos sendo o partido referente e garante da verdadeira Galicia real”, concluíu.