As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo esixiron hoxe ao alcalde de Vigo que recapacite a súa decisión e permita que a Xunta leve adiante o proxecto do Centro de Asociacionismo que ten previsto implantar no antigo edificio xudicial da rúa Lalín, no que ten previsto investir 19 millóns de euros para atender as necesidades de locais de 70 colectivos vigueses.
Xunto á delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a presidenta do PP nesta cidade, Luisa Sánchez, Patricia García e Loli Hermelo criticaron que o alcalde vigués “poña os intereses partidistas por enriba das necesidades da cidade” e lamentaron que “máis de 70 entidades veciñais, culturais e sociais están a verse prexudicadas por quen prefire preitear antes que dialogar e chegar a acordos entre as administracións públicas”.
TRANSFERIDO Á XUNTA EN 1994
O antigo edificio xudicial da rúa Lalín foi transferido sen condicións á Xunta polo Estado en 1994, polo que consta ao seu nome no Catastro e abona o IBI anualmente polo mesmo. O Concello de Vigo concedeu nun primeiro momento licenza de obra á Xunta para a realización do proxecto de adecuación deste edificio, pero dous meses despois decidiu suspendela alegando dúbidas sobre a titularidade do inmoble.
Diante desta situación, as deputadas populares demandaron ao alcalde de Vigo que “aparque a súa fobia contra todo o que ten que ver coa Xunta na cidade e mire algo polos beneficios dos seus veciños e asociacións, que están esperando por unhas instalacións nas que poder levar adiante os seus proxectos e actividades, pero que o Concello ten paralizadas sen xustificación congruente algunha”.