Os trece deputados nacionais do Partido Popular de Galicia veñen de solicitar ao Goberno central ter acceso tanto ao contrato como á prórroga correspondente aos novos trens Avril de alta velocidade que seguen sen chegar á Comunidade.
Así, ao amparo do establecido no artigo 7º do Regulamento do Congreso dos Deputados, os parlamentarios galegos solicitan ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en primeiro lugar, o contrato formalizado pola Dirección Xeral de Renfe con Patentes Talgo, que ten por obxecto a subministración de 15 trens de alta velocidade —con opción de compra de outros 15—, máis o seu mantemento integral, e cuxo importe de adxudicación en abril de 2017 ascendeu a máis de 786 millóns de euros.
En relación a isto, tamén piden acceso aos anexos ou ampliacións que se puideran subscribir polas partes ao citado contrato.
En terceiro lugar, os deputados populares esixen coñecer a solicitude de prórroga presentada por Patentes Talgo, así como a resposta dada por Renfe á mesma, e que “pode ter como consecuencia os sucesivos incumprimentos de prazos na entrega das novas unidades de trens Avril”,
Cómpre lembrar que a pasada semana o Goberno de Sánchez sinalou, nunha resposta por escrito aos parlamentarios galegos, que os trens Avril chegarán a Galicia “tan pronto como sexa posible”, sen sinalar ningunha data concreta e despois de incumprir todas as indicadas anteriormente.
Mentres tanto, lamentan os deputados do PPdeG, as cidades galegas continúan agardando por “unha alta velocidade real” e Galicia segue a sufrir “que se lle queira dar todo a Cataluña e deixar sen investimentos o resto das comunidades”.
ESPERANDO POLOS TEMPOS DE VIAXE COMPROMETIDOS
A entrada en operación dos trens Avril permitirá facer efectivos os beneficios da alta velocidade a Galicia, que polo momento só se cumpriron coa cidade de Ourense. O resto das grandes cidades, Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol, seguen esperando os tempos de viaxe con Madrid comprometidos polo Goberno central, que só poderán alcanzarse con estas novas unidades de rodadura desplazable. De aí a urxencia e necesidade de que entre dunha vez en servizo.
De feito, Lugo e Ferrol, para estar conectadas á alta velocidade, precisan da modernización da infraestrutura ferroviaria, non só os trens.
Os trens Avril, fronte ás 360 prazas dos AVE ou as 263 dos Alvia, chegan a un número desde as 497 a preto de 600. Son pois, tamén, imprescindibles para incrementar as prazas ofertadas e abaratar o prezo dos billetes.