Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo, Manuel Santos, Loli Hermelo e Raúl Santamaría trasladaron ao patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu e presidente provincial da Federación de Confrarías, José Manuel Rosas, o seu apoio á demanda para que o Goberno de España asuma as súas competencias e flexibilice o novo regulamento de control pesqueiro, que obriga aos barcos, entre outras medidas, a preavisar da súa chegada a porto ou levar un rexistro electrónico de capturas ao longo da xornada.
Neste sentido, anunciaron que o PPdeG levará, tanto ao Parlamento de Galicia como aos concellos do litoral galego, iniciativas reclamando estas reformas da normativa europea, que afecta negativamente á viabilidade económica da pesca galega, á seguridade no mar e ao mantemento do tecido social e produtivo das zonas costeiras.
Acompañados da portavoz do PPdeG en Bueu, Elena Estévez, os deputados populares consideraron necesario un período de adaptación ao novo regulamento de control pesqueiro. Porén, lamentaron que “o Goberno de España non dispón dun plan operativo público suficientemente definido que garanta a correcta aplicación da nova normativa e que evite consecuencias negativas para o sector pesqueiro galego, particularmente para a pesca costeira artesanal”.
RISCO OPERATIVO E DESVIACIÓN DA ATENCIÓN
A obriga de avisar electronicamente da entrada a porto dos barcos con varias horas de antelación ou a declaración exhaustiva de capturas en tempo real “son medidas máis propias da pesca industrial que da artesanal, e supoñen un risco operativo e unha desviación da atención principal á propia actividade de pesca”, manifestaron.
Os deputados populares amosaron o seu apoio ás reivindicacións dos pescadores galegos e consideran que “o Goberno de Pedro Sánchez tense extralimitado na aplicación do regulamento europeo, que non está adaptado á realidade social, económica e técnica da pesca de baixura galega, polo que é imprescindible que se proceda a flexibilizar ao máximo estas medidas que non tiveron en conta para nada a realidade do sector do mar”.
Por este motivo, o PPdeG levará ao Parlamento galego e aos concellos costeiros de toda Galicia iniciativas co fin de que o Goberno central reaccione e tome a iniciativa, “facilitando unha adaptación ao novo regulamento de control pesqueiro porque se fai imprescindible que estas novas normas se apliquen con proporcionalidade e sentido común, e que se deixe traballar a sector pesqueiro galego, que ten demostrado o seu compromiso coa sostibilidade do mar e dos recursos mariños”.