O PPdeG esixe ao Goberno de Sánchez que atenda os “reiterados requirimentos” da Xunta de Galicia e facilite a resposta que lle dirixiu o Estado español á Comisión Europea despois do ditame sobre o cumprimento da normativa comunitaria en relación coas prórrogas da concesión da AP-9.
Os deputados populares no Congreso rexistraron unha nova pregunta na que censuran así mesmo que, unha vez máis, o Executivo central se negue ao rescate da Autoestrada do Atlántico, máxime despois do informe do Goberno galego que cifra o custo en 2.356 millóns de euros, similar ao das bonificacións que se están aplicando neste momento.
Deste xeito, o PPdeG quere coñecer se o Goberno central vai atender as demandas da Xunta de Galicia, á vez que advirte de que as condicións do rescate da autopista serán “máis gravosas a medida que pase o tempo”.
Neste sentido, o deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, Celso Delgado, lamenta que “Sánchez e Puente seguen desprezando a Galicia cunha infraestrutura vital para os galegos e que vertebra a Comunidade”. “Un maltrato que non se xustifica”, critica.
Os populares esixen coñecer que decisión está adoptando o Goberno de Sánchez tralos ditámenes europeos, afeando que “desaproveita claramente a viabilidade do rescate e ata discute coa Comisión Europea, mesmo indo aos tribunais de xustiza”.
Delgado urxe ao Goberno de Sánchez a que “se sente coa Xunta de Galicia”, lembrando que o pasado 2 de febreiro, o propio PSOE votou no Parlamento galego a favor de demandar toda a documentación relativa ao devandito expediente da Comisión Europea e das comunicacións mantidas pola administración do Estado con este obxecto. Unha petición impulsada polo PPdeG que, cos votos a favor socialistas e dos seus socios do BNG, saíu aprobada por unanimidade.
Para os populares existe un “tratamento diferenciado” con outras comunidades, lembrando a finalización da AP-7 en Alacante ou a transferencia da A-68 a Navarra. “Non podemos seguir con este agravio a Galicia e dende o PPdeG imos seguir reclamando o que é de xustiza: unha AP-9 libre de peaxes e transferida a Galicia”, subliña Delgado.