Os populares galegos presentan na Cámara Alta cinco preguntas para coñecer as razóns da drástica e preocupante baixada de agua embalsada
Despois de que a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, asumise a súa responsabilidade, a senadora do PPdeG Pilar Rojo presentou na Cámara Alta cinco preguntas dirixidas ao Executivo central tralo irresponsable baleirado dos encoros de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, competencia do Goberno de España.
Nunha entrevista en El Diario, Ribera asegurou que o Estado vai regular de forma inmediata para que non se baleiren os embalses, comprometéndose a que non volva ocorrer e recoñecendo así que o Goberno puido ter tomado medidas con anterioridade que evitasen o que xa aconteceu. De feito, o nivel medio de auga que presentan as presas da conca Miño-Sil nestas últimas semanas é moi preocupante e algunha delas sitúase no 13% ou no 15% da súa capacidade.
Esta drástica baixada é tan alarmante e tan impropia para esta época do ano, máis aínda se se ten en conta o volume de choiva dos últimos meses, que os populares galegos esixen explicacións ao Executivo de Pedro Sánchez.
Entre as cuestións formuladas preguntan se a Confederación Hidrográfica autorizou o baleirado dos encoros hidroeléctricos da conca estatal do Miño-Sil e cales son as razóns polas que o Executivo central o consentiu en pleno mes de agosto e ante o risco de incendios en setembro e outubro, que se prevé maior que nos últimos anos. Nese senso, inciden en que se aclare quen é o responsable ou responsables desta autorización, nas portas da campaña de incendios, que fai que non se respecte o caudal ecolóxico mínimo esixido.
Así mesmo, o PPdeG quere que se dean a coñecer as circunstancias nas que se produciu o baleirado deses encoros e se autorizou a deixalos por debaixo do 20% da súa capacidade, ademais dos motivos que levaron a esa autorización. Por último, os populares reclaman saber os pasos que se darán para resolver esta situación.
Os populares galegos lamentan que nin sequera a gravidade deste asunto faga cambiar a actitude do PSdeG, que mantén a súa tendencia a exculpar ao Goberno de Pedro Sánchez faga o que faga, malia que as súas decisións prexudiquen os intereses de Galicia. Pola contra, os socialistas galegos prefiren seguir buscando culpables imaxinarios e responsabilizar de todos os problemas á Xunta, aínda que quede demostrado que se trata dunha cuestión de competencia estatal.