Os deputados autonómicos do PPdeG Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez Pérez, Manuel Santos Costa, Noelia Pérez Pérez, Felisa Rodríguez Carrera e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López, participaron este sábado no Parador de Tui nun encontro institucional hispano-luso organizado por APE Galicia (Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia) e a Asociación Empresarial Portuguesa (AEP) co obxectivo de analizar a situación e as perspectivas do réxime de IVE franquiciado no espazo Galicia–Portugal.
Durante a reunión, os deputados populares resaltaron que desde o PPdeG seguirán impulsando iniciativas que descarguen presión fiscal e administrativa sobre os autónomos, convencidos de que aliviar custos e simplificar obrigas é clave para fortalecer o tecido produtivo da Eurorrexión e protexer o futuro do pequeno comercio e do emprendemento.
Deste xeito, os populares galegos esixiran ao Goberno de Sánchez, que rexeitou a medida, este IVE franquiciado polas vantaxes que suporía para os autónomos.
RÉXIME CLAVE PARA A COMPETITIVIDADE DOS PEQUENOS NEGOCIOS
Durante o encontro analizáronse as diferenzas normativas existentes entre España e Portugal en materia de IVE franquiciado e avaliouse o seu impacto directo na competitividade de autónomos e microempresas, especialmente nas zonas transfronteirizas.
Os participantes puxeron en común propostas para o seu traslado aos ámbitos autonómico, estatal e europeo, co fin de acelerar a transposición da Directiva europea 2020/285 ao ordenamento xurídico español.
Desde o PPdeG defendeuse que España non pode permanecer á marxe dunha simplificación fiscal impulsada pola Unión Europea e deseñada para reducir cargas administrativas aos micro-negocios.
O deputado popular Julio García Comesaña indicou que o réxime de IVE franquiciado, xa aplicado noutros estados membros, permite eximir da liquidación periódica do imposto aos autónomos con baixo volume de facturación, reducindo custos fixos asociados á xestoría, erros administrativos e tempo de dedicación burocrática.
Este modelo xa existe en Portugal, que foi o que motivou a reunión, a que se comprometeran os deputados populares nunha visita á Asociación de autónomos galegos en Pontevedra, para escoitar de primeira man as vantaxes desta medida e a súa repercusión.
SIMPLIFICACIÓN REAL FRONTE AO AUMENTO DE CARGAS
Os deputados populares subliñaron que o IVE franquiciado non resolve problemas estruturais como o encarecemento dos alugueiros ou o impacto das plataformas dixitais, pero si elimina fricción administrativa e reduce o “medo regulatorio” que afecta especialmente a quen inicia ou mantén pequenos negocios.
Nun contexto de peches e perda de actividade no pequeno comercio, destacaron que calquera redución da carga burocrática constitúe unha política efectiva de prevención do peche empresarial.
O Grupo Popular reafirmou así o seu compromiso cos autónomos e emprendedores galegos, defendendo a necesidade de que o Goberno central proceda á transposición inmediata da Directiva europea para garantir igualdade de condicións competitivas con Portugal e co resto de Estados membros.
A xornada contou coa presenza, ademais dos representantes de organizacións de autónomos galegos e portugueses, con responsables institucionais vinculados ao ámbito económico e empresarial, que coincidiron na necesidade de avanzar cara a unha maior harmonización normativa que favoreza a competitividade dos pequenos negocios.