Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez criticaron hoxe que o Goberno central priorizara defender os intereses da frota pesqueira do Mediterráneo fronte á galega na negociación dos novos TAC e as cotas pesqueiras, o que suporá un impacto para o sector pesqueiro galego de ata 65 millóns de euros. Por este motivo, anunciaron a presentación de iniciativas no Parlamento galego “para que todas as forzas políticas poidamos amosar o noso apoio á pesca galega e esixir un cambio de postura do Goberno de Pedro Sánchez: máis respecto aos nosos armadores e que non se primen os intereses do Mediterráneo sobre os da pesca galega”.
Nun encontro celebrado en Vigo con armadores galegos, Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez cualificaron de “pésimo” o resultado das negociacións dos TAC e das cotas pesqueiras acordados recentemente en Bruxelas, xa que se mantén o recorte do 70 por cento na xarda e se reducen un 40 por cento no lirio e un 13 por cento no abadexo.
“É deficiente que só se tivesen en conta criterios biolóxicos e non se atendesen os informes socioeconómicos que Galicia lle entregou, tanto á Comisión Europea como ao propio Ministerio, nos que se calculaba un impacto destas medidas para a frota galega de arredor de 65 millóns de euros”, lamentou Miguel Fidalgo.
RECORTES MÁXIMOS ATA O FINAL
Felisa Rodríguez criticou que “o interese do ministro nestas negociacións estivo centrado en mellorar as condicións do acordo para beneficiar ao sector pesqueiro do Mediterráneo, deixando a un lado a defensa da pesca galega e aceptando uns recortes que tanto a van prexudicar, chegando ata o punto de que os recortes máximos da proposta inicial acabaron plasmados no acordo fial”.
Diante desta situación, os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia de iniciativas a través da que se esixa ao Goberno de Pedro Sánchez “un cambio e un respecto aos armadores galegos e ao bo traballo que levan desenvolvendo desde sempre, unha labor que debe ser recoñecida e defendida do mesmo xeito que está a facer co sector pesqueiro do Mediterráneo”.
Por último, Miguel Fidalgo criticou “a hipocrisía que o BNG está a demostrar neste asunto, porque mentres en Europa comparten bancada cos ecoloxistas, ao mesmo tempo son capaces de criticar desde Galicia que a Comisión Europea aplique criterios exclusivamente biolóxicos na súa decisión sobre as cotas pesqueiras sen incorporar a perspectiva socioconómica que beneficiaría á Comunidade galega”.