Santiago, 28 de setembro de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, acusou hoxe no Pleno do Parlamento aos socialistas galegos de “intentar lavarlle a cara ao Goberno de Pedro Sánchez e de xustificar os seus agravios e desprezos a Galicia demandando en Galicia un novo Pacto Local, que pasa previamente polo deseño dun novo sistema de financiamento autonómico e local”.
“Desde o Goberno da Xunta e o PPdeG levamos anos reclamando reiteradamente ao Goberno central a definición dun novo modelo de financiamento autonómico e local que dea certeza dos recursos cos que pode contar cada administración e que teña en conta as particularidades dos concellos galegos na súa distribución, os factores demográficos e a dispersión xeográfica”, sinalou.
CLARIFICAR O FINANCIAMENTO
Deste xeito, Prado apuntou que “é o Estado o que debe de clarificar o sistema de financiamento das administracións autonómica e local, e, unha vez se clarifiquen os sistemas de financiamento e exista certeza dos recursos cos que conta cada administración para desenvolver as súas competencias, poderemos deseñar o futuro das relacións financeiras entre a Xunta e as entidades locais”.
A viceportavoz popular criticou que o PSdeG “volva traer hoxe ao Pleno unha proposición non de lei xa debatida no mes de xuño” e lembrou que “o Goberno galego segue traballando en delimitar as competencias impropias que asumen as diferentes administracións”. En concreto, afirmou que “xa está en marcha o convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Universidade de Santiago no mes de decembro de 2020, que tamén contará coa colaboración da Fegamp, para a realización dunha auditoría que identifique as posibles duplicidades funcionais e, sobre todo, as competencias impropias que está asumindo cada administración e os custos económicos respectivos”.
“Galicia foi unha comunidade autónoma pioneira en fixar en 2011 un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos, cunha garantía de mínimos e unha verdadeira participación nos ingresos”, destacou Paula Prado. Así, a Xunta distribúe cada ano entre os concellos máis de 120 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, pero as transferencias ás entidades locais que figuran recollidas nos orzamentos da Xunta para 2021 superan os 400 millóns de euros.