Santiago, 10 de setembro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, incidiu hoxe no Parlamento no compromiso da Xunta de Galicia de ter implantadas máis do 70 por cento das accións contempladas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-21 antes de que remate este ano.
Aurelio Núñez lembrou que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-21 foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de maio e contou na súa elaboración cun importante número de profesionais, así como de cidadáns e distintas asociacións profesionais que tamén fixeron achegas. “Estamos a falar dun plan con maior consenso, con máis medidas e cun prazo de execución moito menor que o aprobado polo Goberno central, rexeitado maioritariamente por distintos colectivos e asociacións profesionais”, engadiu.
ESCASEZA PARA CUBRIR SUBSTITUCIÓNS
“O problema fundamental da atención primaria a día de hoxe, tanto en Galicia como no resto de España, é a escaseza de médicos de familia e pediatras para cubrir as necesidades de substitución dos profesionais desas categorías, nomeadamente nos meses de verán e outros períodos de vacacións”, incidiu o portavoz popular.
Núñez Centeno salientou que “a Consellería de Sanidade está a avanzar, xunto cos colectivos profesionais, nas solucións para os problemas da atención primaria e a cronicidade”. Neste sentido, lembrou a posta en funcionamento do Consello Técnico de Atención Primaria, integrado por un máximo de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional; así como a creación do Comité de Expertos de Atención Primaria, dirixido polos doutores Bengoa e Varela.
O portavoz popular reiterou a demanda para que o Goberno central socialista “elimine a taxa de reposición para poder incrementar a convocatoria de prazas fixas na sanidade galega”.
“Galicia foi a primeira comunidade autónoma que adoptou medidas de reversión co comezo do crecemento económico, priorizando a sanidade sobre outros sectores e esgotando sempre as taxas de reposición autorizadas”, indicou. Así mesmo, lembrou que no mes de xaneiro asinouse con varias centrais sindicais o acordo sobre as bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade, que xa se aplica na categoría de médicos de atención primaria e persoal de enfermería.
“O Plan de Atención Primaria contempla a creación de 331 novas prazas entre os anos 2019 e 2021, o que permitirá mellorar as condicións laborais do persoal do Sergas”, engadiu.