Santiago, 3 de maio de 2019.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, incidiu hoxe no Parlamento que a declaración de impacto ambiental do proxecto da mina de Touro “será o resultado de avaliacións profesionais e dos informes de técnicos independentes, que determinarán se o proxecto cumpre estritamente ou non a normativa ambiental”.
Egerique subliñou que “a Xunta, a través de Augas de Galicia, está a velar polo cumprimento da lei, vixía o estado das masas das augas e traballa para minimizar as afeccións ás concas dos ríos na contorna da antiga mina de Touro”. “A Xunta non vai consentir ningunha actuación nin actividade que supoña maiores afeccións ao medio hídrico e empeoramento das masas de auga”, asegurou.
Neste sentido, explicou que “cando a Xunta detecta un incumprimento da lei, ábrese o expediente sancionador que corresponde”. Así, só no último ano Augas de Galicia ten incoado expedientes sancionadores á empresa por importe de 80.000 euros por vertidos non autorizados, “porque esa é a obriga deste organismo: velar polo bo estado das masas de auga dos ríos”.
A portavoz popular manifestou que “os informes ambientais non se poden basear noutros aspectos que non sexa meramente técnicos” e anotou que “nin desde o Parlamento nin desde a Xunta se pode interferir nin condicionar para que estes informes sexa favorables ou desfavorables”.