Santiago, 28 de setembro de 2021.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, insistiu hoxe no Pleno do Parlamento que o Congreso é o parlamento indicado para realizar unha comisión de investigación sobre o baleirado este verán dos encoros pertencentes á Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, ao ser un organismo dependente do Goberno central. Porén, afirmou que, “se teñen tanto interese, BNG e PSdeG poden crear de xeito automático unha comisión de investigación no Parlamento galego, acolléndose ao artigo 52 do Regulamento”.
Marisol Díaz sinalou que “ante este tipo de ataques ao noso patrimonio natural deberíamos estar unidos e ter un único obxectivo: que se depuren todas as responsabilidades e que se tomen as medidas oportunas para que isto non volva a acontecer”.
Neste sentido, destacou “a inquedanza do Goberno galego pola gravidade dos feitos e polas repercusións que poida ter esta acción nos catro embalses da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, o que motivou que “foi a única administración en dar un paso adiante e tomar medidas contra o baleirado dos encoros, dun xeito rápido, integral e contundente”.
“Porque a única administración competente e totalmente responsable do baleirado de encoros é o Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, unha verdade recoñecida de forma pública polas vicepresidentas do Goberno central Nadia Calviño e Teresa Ribera”, apuntou.
BALEIRADO IRRESPONSABLE
Deste xeito, Díaz Mouteira criticou que, tanto o BNG como o PSdeG, pretendan que o Parlamento galego “leve adiante unha investigación sobre unha acción que é competencia estatal”, pero apuntou que, “se teñen tanto interese en afondar neste asunto, poden crear de xeito automático unha comisión de investigación nesta Cámara, acolléndose ao artigo 52 do Regulamento”.
A portavoz popular contrastou o “baleirado irresponsable” dos encoros dependentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil “coa situación de normalidade que presentan os 11 encoros da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa de responsabilidade da Xunta, que se atopan en torno ao 60 por cento da súa capacidade e nos que a normativa da Xunta impide baixadas abruptas ou desmesuradas dos niveis”.
“A Xunta conta con mecanismos de control e de vixilancia nos encoros da súa competencia moi estritos para garantir que o aproveitamento hidráulico sexa compatible co abastecemento e, tamén, coa preservación do medio ambiente, coa biodiversidade dos novos ríos, coa pesca, co regadío e, mesmo, coa actividade turística”, subliñou.