Madrid, 11 de febreiro de 2017.- O Partido Popular de Galicia incrementa o seu peso na nova dirección que sairá do 18 Congreso Nacional do PP, ao sumarse como vogal do Comité Executivo o secretario xeral autonómico, Miguel Tellado, que ocupa este cargo desde o mes de maio de 2016.
No mesmo sentido, manteñen o seu posto neste órgano todos os membros galegos do mesmo ata a data de hoxe: o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o portavoz do grupo no Senado, José Manuel Barreiro; o secretario xeral de Nuevas Generaciones, Javier Dorado, como membros natos; e a deputada Pilar Rojo e o eurodiputado Francisco Millán Mon como membros electos. Ademais, súmanse á Xunta Directiva do partido os presidentes locais de Santiago e Vigo, Agustín Hernández e Elena Muñoz.
O PPdeG valora estes nomeamentos como un recoñecemento colectivo do presidente Mariano Rajoy aos éxitos acadados pola formación nas últimas citas electorais, especialmente nas autonómicas do pasado 25 de setembro, tralas que Alberto Núñez Feijóo se converteu no único presidente dunha Comunidade con maioría absoluta. Os populares galegos consideran que a partir de agora terán aínda máis voz nas decisións do partido a nivel nacional e no rumbo que tome a formación no contexto que afronta o país, con retos cruciais coma a reforma do financiamento autonómico ou a consolidación do crecemento económico.