O Partido Popular de Galicia fai súa a indignación da comunidade venezolana na nosa Comunidade e, solidarizándose con ela, denuncia a actitude do BNG respecto ás eleccións de Venezuela do pasado domingo e os “resultados sospeitosos” de Nicolás Maduro.
“É incrible a capacidade que ten o Bloque para situarse sempre no lado incorrecto da Historia e, neste caso, ao carón dunha ditadura”, afirma a secretaria xeral Paula Prado ao tempo que pon en evidencia “a radicalidade que esconde o nacionalismo tras esa cara amable que intentaron mostrar, sen éxito, nas eleccións autonómicas”.
Sostén que cada vez son máis os que “se están baixando do barco bloqueiro”, xa que “Galicia non quere a un partido que está con Maduro e os seus resultados sospeitosos, con Putin, co comunismo e cos herdeiros de ETA”.