Santiago, 23 de xuño de 2021.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo insistiu hoxe no Parlamento galego que “a nosa prioridade é que o presente e o futuro das instalacións de XEAL de Cee-Dumbría pasen polo mantemento da actividade, a mellor maneira de garantir os postos de traballo”.
“A desorganizada política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez ten cada vez consecuencias máis graves na economía das familias e na perda de competitividade de empresas e autónomos”, lamentou, para demandarlle que “actúe decididamente para abaratar o custo da electricidade para as empresas e, de paso, tamén para as familias”.
Rubén Lorenzo subliñou que a Xunta e o PPdeG “levan anos comprometidos e defendendo os intereses dos traballadores de XEAL e de toda a industria electrointensiva de Galicia” e lembrou, en concreto, que “foi o Goberno galego en 2017 o que evitou a segregación de actividades de Ferroatlántica”.
NON SEGREGACIÓN
“A Xunta defendeu, defende e defenderá a non segregación das actividades de ferroaliaxes e a produción de enerxía, así como a actividade industrial nas plantas de Dumbría e Cee, aplicando a legalidade e velando polo interese público dunha concesión administrativa con plena transparencia para os traballadores, o comité de empresa e, tamén, para os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados”, indicou.
O deputado popular criticou que BNG e PSdeG “reclamen á Xunta que arranxe o que o Goberno de Pedro Sánchez leva arrasando nestes últimos dous anos de desgoberno”. Así, lembrou que en 2019 os cinco fornos de Dumbría e Cee traballaron a pleno rendemento, pero nestes momentos están a traballar unicamente tres, cunha capacidade produtiva do 40 por cento.
DE 28 A 2 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS
“O que pasou foi que a política enerxética do Goberno central reduciu nese ano os programas de axuda ás industrias electrointensivas nun 51,5 por cento con respecto ás axudas percibidas no ano 2017, diferenza que no ano 2020 xa chega ao 91 por cento”, explicou. No caso concreto de Ferroatlántica, hoxe XEAL, pasou de percibir 28 millóns de euros en 2017 a 2 millóns en 2020.
Lorenzo considerou “incomprensible que España teña o prezo da luz máis caro de Europa e cos impostos máis altos dos principais países europeos, do mesmo xeito que é incomprensible que o tecido industrial galego e, en particular, as hiperelectrointensivas, compitan cada vez en peores condicións, custando o prezo do Mwh máis do dobre en España que en Francia”.