Santiago, 2 de outubro de 2019.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, insistiu hoxe no Parlamento que “o futuro das instalacións de Ferroatlántica en Cee-Dumbría pasa irremediablemente polo mantemento da actividade industrial, que é a mellor maneira para garantir o emprego”.
“A Xunta seguirá vixiante para garantir o futuro desta factoría e non variou a súa posición desde o primeiro día: é requisito indispensable o cumprimento das condicións marcadas na concesión, é dicir, a non segregación e o mantemento da actividade industrial”, concretou.
Marta Nóvoa explicou que “o único que aconteceu nas últimas semanas é que houbo unha transmisión de accións, que só está suxeita a unha comunicación”. Así, dixo que “a única autorización que tivo que facer Augas de Galicia é a da cancelación do leasing que tiña subscrito Ferroatlántica con Abanca, e que permitiu á empresa converterse no único titular da concesión”.
APOIO AOS TRABALLADORES
Así mesmo, a portavoz popular incidiu “no apoio aos traballadores, recibidos desde o primeiro momento polos responsables da Xunta de Galicia e que o seguirán a facer en canto haxa algunha novidade”.
Na súa intervención, Nóvoa lembrou que “levamos aprobadas neste Parlamento 8 iniciativas sobre Ferroatlántica, de todos os grupos parlamentarios, nas que se pide, ademais de que a Xunta manteña un contacto permanente cos traballadores e coas corporacións municipais dos concellos afectados, a aprobación do estatuto de electrointensivas e compensacións polo pagamento de renovables ou polas emisións de CO2”.
Por este motivo, criticou que a oposición “volva traer unha iniciativa reclamando o que a Xunta xa está facendo pero sen pedir nada do que non está a cumprir o Goberno do Estado”.