A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subliñou hoxe que o BNG «ten que abandonar» o goberno da Deputación de Lugo, do que forma parte xunto ao PSdeG, e «deixar a un lado a hipocrisía e o cinismo e romper cos gobernos do PSOE en Galicia e España» polas denuncias por suposto acoso sexual contra José Tomé.
Así o manifestou ante os medios de comunicación nunhas declaracións que se suman ás da súa compañeira de partido e presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, quen reprochou onte ao BNG siga no goberno da Deputación mentres Tomé «segue exercendo de presidente».
Todo isto despois de que na tarde do venres, o secretario xeral do PSdeG, José Gómez Besteiro, asegurase que coñeceu «por unha terceira persoa» en outubro un suposto caso de acoso contra o que era presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; aínda que dixo descoñecer se se trata do mesmo que figura na denuncia recibida no canal interno antiacoso habilitado polo PSOE.
Tamén o mesmo día, Tomé formalizou a súa renuncia á presidencia da Deputación, que deberá ser aceptada no pleno do 30 de decembro. Pero non será ata a sesión do 14 de xaneiro cando se elixa ao seu sucesor no cargo.
Neste contexto, Prado afeou ao BNG que se manifeste «pero non contra quen se ten que manifestar». En referencia a que este domingo os independentistas galegos convocaron unha manifestación contra o proxecto de Altri en Santiago de Compostela.
«A manifestación real que tiña que liderar a señora Ana Pontón era contra un goberno no que hai presuntos acosadores sexuais, contra un goberno onde está instalada a corrupción e contra un goberno que está destrozando as políticas que impulsan o futuro de Galicia», reprochou.
Así mesmo, sinalou ao Goberno central por «estar en contra da industrialización de Galicia» logo de «provocar a desconexión eléctrica de Lugo» e «non aportar absolutamente nada ao avance do ferrocarril en Galicia». «Sobre todo na provincia máis abandonada que é Lugo», concluíu.