A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixiu a inmediata paralización do proxecto da variante oeste de Caldas de Reis que, tal e como incidiu, conta coa desaprobación da veciñanza, por ser unha “completa desfeita para a zona”.
Un proxecto que, tal e como denunciou a viceportavoz do Grupo Popular, “nos queren impoñer desde Madrid e que non ten en conta os graves prexuízos que lle vai causar a Caldas e a Portas”. Así, referiuse ao derrubamento de casas, á perda de negocios e fincas de cultivo, así como tamén á desconexión entre as parroquias.
A través dunha Proposición non de lei, o Grupo Popular pediu, ademais do arquivo do actual proxecto, a redacción dun novo estudo informativo para a construción dunha nova variante, en torno ás estradas nacionais N-640 e N-550, excluíndo o acceso ao porto de Vilagarcía. A iniciativa que presenta o PPdeG “faise eco das reiteradas reclamacións veciñais que o Goberno de España nunca quixo atender e, moito menos, escoitar”. Neste punto, a parlamentaria popular fixo referencia ás máis de 5.000 alegacións presentadas e unha mobilización masiva de más de 2.000 persoas nas rúas.
BESTEIRO, UN EMISARIO QUE NON É VÁLIDO
Durante a súa intervención, Paula Prado recordou que, unha vez incluída a proposición non de lei do Grupo Popular na orde do día deste pleno, foi cando Besteiro, “o corresponsal de malas noticias do PSOE en Galicia”, anunciou a paralización deste proxecto.
“Queremos que esa promesa que foi vender Besteiro non sexa fume”, sinalou Paula Prado, quen resaltou a nula credibilidade do deputado socialista. Considerou que o parlamentario socialista non é un emisario válido e, así, avogou pola publicación do arquivo do actual proxecto da variante no Boletín Oficial do Estado para que sexa real e se faga efectivo.
A parlamentaria popular lamentou a abstención do PSdeG, quen perdeu, así, unha oportunidade para amosarse de verdade ao carón da veciñanza.
Dixo que Besteiro “é o portador de promesas incumpridas por excelencia do sanchismo”, xa que, tal e como recordou, anunciara a gratuidade da AP-9, pero non só non se conseguiu, senón que, cada ano, a autoestrada incrementa o seu prezo. Así mesmo, criticou a postura do BNG, que segue sen arrincar ese mesmo compromiso do Goberno de Pedro Sánchez: “Bravos en Galicia e moi mansos en Madrid”.
UNHA XUNTA QUE CUMPLE COAS INFRAESTRUTURAS
Así mesmo, reclamou que o Goberno de Pedro Sánchez e o ministerio de Óscar Puente “deixen de mangonear aos galegos co seu modelo low cost de infraestruturas para Galicia”. Nesta liña, instou ao PSdeG a que, en lugar de compromisos que non lle corresponden, se preocupe polo lamentable estado dos firmes das estradas nacionais N-640 e da N-550 e lle reclame ao Executivo central que acometa o seu mantemento.
Fronte a un Goberno central que incumpre de forma reiterada con Galicia en materia de infraestruturas, a secretaria xeral do PPdeG fixo fincapé en que hai unha Xunta que si. Nos orzamentos desde 2026, inclúese unha cifra récord para a conservación de estradas, ao superar os 71 M€, un 43% máis que en 2023.