Os populares tamén solicitan que se informe das previsións e dos novos prazos estimados ás diferentes administracións interesadas, en especial á Xunta de Galicia
O PPdeG insta ao Goberno central a levar a cabo as actuacións necesarias para a posta en circulación dos trens AVRIL en Galicia no menor prazo de tempo posible e a informar das distintas actuacións, das previsións e dos novos prazos estimados ás diferentes administracións interesadas, en especial á Xunta de Galicia.
Os senadores galegos Pilar Rojo, Javier Guerra, Miguel Lorenzo, Juan Juncal, Verónica Casal, José Manuel Barreiro, Manuel Varela, Rosa Arza, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte, Francisco Fernández e Miguel Tellado solicitaron a tramitación dunha moción ante a Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que lembran que o pasado mes de xullo venceu o prazo comprometido polo Executivo estatal para a posta en circulación dos trens AVRIL na nosa Comunidade sen que se cumpriran as previsións anunciadas en máis dunha ocasión polo Goberno de Pedro Sánchez.
Como manifestan, estes trens da nova serie 106 de TALGO e “de gran importancia para Galicia” permitirán estender desde Ourense ao resto de cidades galegas a alta velocidade ferroviaria, engadindo tamén a necesidade de contar con eles nun momento no que a Comunidade está “en pleno ano Xacobeo”, o que supón unha chegada masiva de peregrinos e de turistas.
Os populares lamentan que a única información ata o momento é que as probas de circulación destes convois —o último paso antes da súa posta en servizo— arrancaron en Ourense a principios de xuño. Non obstante, descoñécense as razóns deste incumprimento ou as actuacións que o Goberno central ten previstas para que os trens estean operativos canto antes.
Igualmente, fan referencia á responsabilidade de RENFE e do Ministerio de Transportes na demora na entrega dos referidos trens, incidindo na falta de datos sobre os novos prazos que se barallan para cumprir o compromiso do Goberno de España con Galicia e cos galegos.