Prado lamenta que 113 concellos galegos dispoñan dun ano e medio menos para este cambio por culpa dun Executivo central que “precisa ser reciclado”
O PPdeG insta ao Goberno central a que rectifique e amplíe o prazo para a implantación do contedor marrón e pide ao PSdeG que se posicione ao carón dos concellos e non permaneza en silencio. Así o manifestaba a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, esta mañá en rolda de prensa.
Prado falou da contradición que supón que a Unión Europea obrigue aos municipios a implantar a recollida separada dos biorresiduos co contedor marrón antes do 31 de decembro do 2023, pero que o Goberno central, a través da nova Lei de residuos, opte por rebaixar ese prazo ao 30 de xuño de 2022 para os de máis de 5.000 habitantes, é dicir, dentro de 20 días. “Mentres en toda Europa hai tempo suficiente para realizar este cambio, 113 concellos galegos terán un ano e medio menos”, engadiu sinalando que Galicia ten “un marrón” se Sánchez segue na Moncloa.
“Que non intenten enmascarar nunha lei as súas pretensións de botar balóns fóra, que sexan outros os que teñen a culpa e, de paso, que paguen por iso”, dixo evidenciando que, nunha cuestión tan relevante como a xestión dos residuos, vólvese demostrar que o Goberno de Sánchez “precisa ser reciclado”.
Malia que a Xunta presentou alegacións ao anteproxecto da Lei de residuos e, xunto cos concellos, leva tempo incidindo en que estes prazos son inasumibles, a secretaria xeral recordou que o Goberno central fixo oídos xordos: “Sánchez vai en dirección contraria”.
Como indicou, o Executivo central parece non coñecer a realidade municipal nin a necesidade dun período de adaptación, pois os municipios precisan tempo e orzamento e a marxe que lles pon é inasumible. De feito, non só adiantan o prazo, senón que pretenden sancionar aos concellos con ata 100.000 euros se o incumpren: “É moi do estilo Sánchez: crear a súa propia norma e castigar a quen non a cumpra”.
Prado aclarou que o PPdeG está aliñado coa necesidade dunha Galicia aínda máis sostible, pero os populares son conscientes de que este proceso debe facerse “paso a paso”. “Somos os primeiros que queremos ver como unha realidade a instalación do contedor marrón en todos os concellos”, afirmou explicando que a Xunta xa ten en marcha a Estratexia galega de biorresiduos.
SÁNCHEZ DESCONECTA GALICIA
Na mesma liña, a secretaria xeral afeou o novo capítulo da desconexión de Sánchez con Galicia, xa que o Goberno central pretende que sexan as comunidades as que suplan as carencias do novo mapa de autobús estatal: “É un despropósito e un auténtico disparate”.
“Transferir cartos ás comunidades para que estas asuman os servizos de autobús que o Goberno de España non quere facer, é un auténtico desatino”, incidiu solicitando ao Executivo central que abandone esta folla de ruta, “porque máis que ter un destino, non leva a ningures”.
Con esta decisión, 1.400 municipios de toda España quedarán sen paradas e máis de 3 millóns de cidadáns deixarán de ter servizo público se sae adiante o novo mapa. “O único que se consegue é condenar ao rural e seguir despoboando o noso país”, precisou lembrando que á esta cuestión hai que sumarlle que onte a ministra de Transportes confirmou que o Goberno non descarta implantar un sistema de pago nas autovías mentres seguimos agardando polo traspaso da AP-9.
IR NUNHA BOA DIRECCIÓN PARA OS GALEGOS
Por outra banda, Paula Prado referiuse á xuntanza que manterán esta tarde o presidente Alfonso Rueda a vicepresidenta Nadia Calviño, asegurando que esta última ten unha oportunidade de demostrar que o seu Goberno quere ir nunha boa dirección para os galegos: “A nosa Comunidade espera moito do Executivo central en materia industrial e agardo sinceramente que unha galega como ela non decepcione”.
“Precisamos concreción sobre os fondos Next Generation e que a reunión sexa efectiva, como á que debería ser citado canto antes o presidente Rueda na Moncloa”, sostivo mentres contrapoñía a actitude do Goberno de Sánchez, que non deixa de ser un problema para a Comunidade, coa coherencia do PP que, con exemplos como a xestión dos residuos e a xestión do transporte, “é a única que precisan os españois e os galegos”.
O PPdeG AO CARÓN DOS CONCELLOS
Durante a rolda de prensa, a secretaria xeral tamén celebrou a convocatoria do Congreso provincial do PP de Pontevedra para o vindeiro 9 de xullo. Tras anunciarse que Luis López presentará a súa candidatura, Prado recoñeceu que “sempre é unha ledicia que haxa membros do PPdeG que dean un paso á fronte”.
Segundo apuntou, a reunión do Comité de Cidades celebrada esta semana e a convocatoria do conclave provincial son un exemplo do ambicioso proxecto común dos populares, remarcando que os 313 concellos galegos sempre teñen ao seu carón ao PPdeG: “Nos momentos bos, para celebrar. Pero sobre todo nas cuestións difíciles, que é cando máis falta facemos”.