Ferrol, 29 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que lamentou a “completa parálise” na que se encontraron neste 2016 que está por rematar as cidades gobernadas polas Mareas. Así, lembrou a incapacidade dos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol para lograr acordos e sacar adiante os orzamentos municipais, cos problemas que iso supón para os investimentos nas súas urbes. Neste sentido, subliñou que ve aos tres rexedores “máis preocupados por xogar á política autonómica que por gobernar as súas institucións”.
Tellado reprochoulle aos populistas que “chegaron ao poder prometendo ser os adalides da política social”, e case na metade do seu mandato en Santiago non souberon adxudicar uns comedores escolares e na Coruña prometeron unha Renda Universal “que non era nin renda, e era tan universal que lla concederon a unha soa persoa”. Do mesmo xeito, tamén lembrou que fixeron bandeira da loita contra a corrupción prometendo dimitir en caso de imputación “e tan pronto tiveron un concelleiro imputado defendérono os tres alcaldes e máis Luis Villares”. “É o momento de que recoñezan que ou estaban equivocados cando atacaron aos demais partidos políticos ou que mentiron para intentar chegar ás alcaldías”, subliñou.
Ante esta situación de “colapso” o secretario xeral explicou que os populares galegos seguirán traballando “con rigor” para construír unha alternativa responsable e moderada de cara ás eleccións municipais do vindeiro 2019. “Queremos devolverlle aos cidadáns os gobernos que merecen”, destacou para avanzar que, mentres tanto, nas cidades “apoiaremos cada iniciativa na que acerten e seguirán atopándonos en fronte en cada unha na que erren”.
FERROL, “PUNTA DO ICEBERG”
O secretario xeral cualificou a Ferrol como “a punta do iceberg” do que supoñen os gobernos das Mareas para Galicia e aproveitou a súa visita para lembrar que 2016 foi tamén o ano da ruptura do bipartito entre as Mareas e o PSdeG “porque o ego e a incapacidade de Jorge Suárez e Beatriz Sestayo non cabían no mesmo salón”.
Deste xeito, tachou este episodio da vida municipal de “sainete de mala calidade”, e destacou que o alcalde se atopa “sobrepasado polo cargo”, así como que actualmente “o goberno municipal ten 8 concelleiros de 25. Os 6 das Mareas de Podemos e dúas tránsfugas socialistas”. Para Tellado, o resultado é que “Jorge Suárez quixo ser alcalde a calquera prezo, e seguirá aferrado ao bastón de mando sen importarlle que a cidade se funda a un ritmo preocupante”.