Santiago, 9 de abril de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, lamentou hoxe “o descontento dos grupos da oposición co acordo acadado onte pola Consellería de Sanidade e os sindicatos para desconvocar a folga en atención primaria, porque caeulles o telderete que tiñan montado en contra do Goberno galego”.
Aurelio Núñez salientou que “o conselleiro de Sanidade e o seu equipo deron mostras da súa capacidade de diálogo e negociación, como xa o tiñan feito con outros colectivos e asociacións, para chegar a un acordo que evitou a folga na atención primaria galega, coas repercusións negativas que podería ter ocasionado sobre os pacientes”.
Na súa intervención, lembrou que “diante dos problemas da primaria a Consellería de Sanidade comezou a reunir no mes de decembro aos profesionais das distintas categorías implicadas para consensuar unha serie de medidas que contribuíran a solucionar os problemas derivados da situación de cronicidade e déficit de profesionais”.
183 MEDIDAS
“Froito destas reunións, presentouse no mes de febreiro un primeiro documento con 175 medidas, que posteriormente foron ampliadas ata as 183 despois das reunións con colexios e asociacións”, sinalou o portavoz popular, quen asegurou que “estas medidas tiñan o apoio de enfermería, fisioterapia, traballadores de servizos xerais e traballadores sociais, entre outros colectivos”.
Aurelio Núñez afirmou que “todo o que piden hoxe no Parlamento os grupos da oposición está recollido no acordo acadado pola Consellería cos colexios e sociedades científicas médicas, ao que se engade o que se negociou onte co comité de folga e as centrais sindicais: a creación dun comité técnico coa participación dos sindicatos e a celebración de reunións da mesa sectorial, ademais da creación de 60 prazas de medicina de familia nos dous próximos anos”.
Así mesmo, Núñez Centeno demandou aos socialistas galegos que “pidan ao Goberno do Estado que deixe de ningunear a Galicia, como facía nos fallidos orzamentos ou no posible investimento do superávit en sanidade, educación e servizos sociais, e convenzan á ministra de Sanidade para acreditar novas prazas MIR, a homologación de médicos non comunitarios ou a convocatoria dun MIR extraordinario de médicos de familia”.