Santiago, 11 de maio de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, lembrou hoxe no Pleno do Parlamento a BNG e PSdeG que “tendémoslles a man para construír xuntos un novo modelo de atención para os nosos maiores, pero lamentablemente confundiron un ofrecemento sincero cun cheque en branco para a demagoxia”.
Neste sentido, avanzou que “Galicia continuará avanzando na desescalada da pandemia de maneira prudente e atendendo as recomendacións duns profesionais coñecidos, de recoñecido prestixio e que levan meses amosando a súa valía”.
Alberto Pazos agradeceu as “permanentes ofertas de colaboración” a nacinoalistas e socialistas para mellorar o funcionamento e o modelo de residencias en Galicia, pero lamentou que “os seus actos non se correspondan coas súas palabras e insistan en cuestionar a actuación que a Xunta desenvolveu nas residencias durante a pandemia e que converteu a Galicia na comunidade autónoma peninsular cos mellores resultados de supervivencia”.
En concreto, recordou que Galicia foi pioneira na creación de residencias integradas, na actualización de protocolos, na detección de virus na análise de augas residuais, nos cribados periódicos ou nos programas intensivos de auditorías sobre a Covid-19. “Ademais, a Xunta tutela a totalidade das residencias de maiores galegas seguindo criterios sanitarios e defendendo aos profesionais fronte ás criticas da oposición polo traslado dos residentes”, engadiu.
MELLOR COMPORTAMENTO
“As residencias galegas tiveron un mellor comportamento que o conxunto de España e de Europa”, salientou Pazos, quen puxo de manifesto a menor porcentaxe de falecidos respecto ao número de prazas (Galicia, 4 por cento; fronte á España peninsular, 10 por cento); a porcentaxe de vítimas de Covid-10 sobre os usuarios de residencias (Galicia, 33 por cento; fronte a España, 38 por cento); ou o menor exceso de mortalidade nas residencias, segundo os datos do CSIC.
?Galicia a comunidade con menor exceso de mortalidade en residencias da Península e non foi froito da casualidade, senón reflexo da xestión da pandemia dentro e fora delas, @pazos_alberto no Pleno do @Par_Gal pic.twitter.com/Ue2UY8VN5S
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) May 11, 2021
Respecto das demandas dos grupos da oposición, Alberto Pazos concretou que “piden un debate sobre o novo modelo residencial e non fan achega algunha sobre este asunto na Comisión de Reactivación deste Parlamento; piden unha investigación sobre o acontecido nas residencias en Galicia, cando xa está acordada a nivel nacional e só teñen que poñela en marcha; e insisten en demandar información que xa foi facilitada diariamente durante a pandemia atendendo o interese público”.