O Partido Popular de Galicia lamenta que o BNG dera nas últimas semanas “un paso máis na súa estratexia de conflito” e agora decidira “pagar salarios para que haxa máis manifestacións e máis alboroto”.
“Onte soubemos, a través dun medio de comunicación, que o sindicato do BNG, a CIG, activou por primeira vez nunha folga do sector da educación a súa chamada caixa de resistencia”, expresa a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en declaracións remitidas aos medios.
Prado considera que o partido independentista “está tan desesperado por estimular o conflito, por crear unha sensación de malestar en Galicia”, que “xa ofrece un salario por ir á folga”.
“Todos sabemos desde hai tempo cal é a estratexia do BNG: manifestación e alboroto. Pero agora deron un paso máis e pagan para que haxa máis manifestacións e máis alboroto”, critica.
A número dous dos populares galegos cre que “a única proposta do Bloque ‘Negacionista’ Galego segue sendo o ‘non’ a todo”: “O seu discurso é dicir que todo vai mal, xerar crispación e crear a idea de que nada funciona”.
“Mentres o PPdeG ten Orzamentos para traballar polo benestar dos galegos e das galegas, os ‘presupostos’ do independentismo galego só van para pancartas e algarada”, conclúe Prado.