O Partido Popular de Galicia lamenta que o BNG “dixera unha vez máis ‘non’”, esta vez ao histórico acordo entre a Xunta e a Fegamp para incrementar a achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pero, ao mesmo tempo, “siga sen esixir absolutamente nada” sobre o infrafinanciamento do Goberno de Pedro Sánchez. “Son un meme”, resumen os populares.
O PPdeG lembra que o BNG leva meses pedindo á Xunta, en reiteradas ocasións, aumentar o financiamiento do SAF e por iso, aseguran, non logra entender a súa postura negativa ante o acordo acadado este martes.
“É o ‘non’ polo ‘non’, o ‘non’ a todo, pura hipocrisía, aínda que se trate dunha medida que beneficia aos galegos e galegas. Unicamente fano para levarlle a contraria á Xunta”, sinalan, pedíndolles ademais que “se aclaren entre eles”, tendo en conta que en cada comparecencia pública poñen un custo diferente ao servizo.
De feito, apuntan os populares, resulta “curioso” que o independentismo galego levante a voz contra o Executivo galego mentres cala cando se trata do Goberno de Sánchez, que leva anos incumprindo a súa parte do SAF, lonxe do 50% que lle esixe a lei. “É o que ten ser un socio tan fiel”, ironizan.
“É máis, o acordo que asinaron o PSOE o BNG para materializar o apoio á investidura de Sánchez tamén incluía o compromiso do Goberno central de achegar o 50%, pero todo o mundo sabe que iso foi papel mollado”, engaden.
A débeda do Estado con Galicia en materia de dependencia xa acada este ano os 2.900 millóns de euros. “A Sánchez, enmarañado nas súas tramas de corrupción, nin está nin se lle espera” e ao independentismo galego “só se lle pode tratar como un meme”, conclúen desde o PPdeG.