3, xaneiro, 2020. O vicesecretario de Participación do Partido Popular, Jaime de Olano, considera que o BNG, tras coñecerse que non votará en contra da investidura de Pedro Sánchez, quere “esquerrizar” Galicia e que se suma ás formulacións independentistas que están a secuestrar ao novo Executivo de España, debido á ambición persoal de Pedro Sánchez. Así, o Goberno socialista, que xa dependía de independentistas cataláns e vascos, agora tamén dependerá dos independentistas galegos.
O representante popular recordou que o presidente Feijóo presentara a finais do ano pasado a Axenda Galicia, un documento cos 25 puntos máis urxentes e prioritarios que o próximo Goberno central debe atender nos primeiros meses da lexislatura na nosa Comunidade. Reivindicacións entre as que figuran a chegada do AVE, o Corredor Atlántico, o pago da débeda, unha tarifa eléctrica que permita a continuidade de Alcoa ou carga de traballo para os estaleiros ferroláns. Un documento que, tal e como apunta De Olano, o propio BNG considerara superfluo e que, pola contra, Pablo Casado si asumira o seu compromiso.
Así, fixo fincapé en que “o Bloque entrega agora o seu apoio ao Goberno de Pedro Sánchez sen que iso supoña a mínima garantía para o futuro de Alcoa, para a reapertura da central térmica das Pontes, o desbloqueo do AVE ou a transferencia da AP-9 á nosa Comunidade”.
De Olano, que lamentou que o próximo Goberno de España sexa refén dos independentistas vascos, cataláns e galegos, indicou que tan só falta por despexar a dúbida de que conseguiu o BNG facilitando esta investidura. E é que, tal e como indica, se conseguiu menos, converteríano no tonto útil de Pedro Sánchez; pero se conseguiu o mesmo, isto podería supoñer unha consulta independentista en Galicia.
Para rematar, De Olano salientou que os que anhelan unha Galicia de CDR e de lazos amarelos a partir de agora terán capacidade de influencia, non só no PSdeG, senón tamén no Consello de Ministros do Goberno de España. Tal e como remarcou o responsable do Partido Popular, esta alianza podería ter continuidade nas vindeiras Eleccións Autonómicas se a aritmética o permite. Por iso, indicou que a única alternativa a poñerlle freo é unha maioría ampla do PPdeG nas urnas.