A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lembra que unha das propostas de resolución impulsada esta semana polo Partido Popular, no marco do Debate do Estado da Autonomía, ten como base solicitar ao Goberno central que traspase a Galicia a xestión do noso dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
Sinala que se trata dunha competencia recoñecida polo Estatuto de Autonomía, avalada polo Consello Consultivo, e desenvolvida na recentemente aprobada Lei do litoral de Galicia: “Unha lei que o Goberno de Sánchez tivo a valentía, e o descaro, de recorrer esta semana ante o Tribunal Constitucional”.
Cómpre lembrar que a normativa estatal actual ameaza 4.000 edificacións costeiras como centros de saúde, colexios ou vivendas particulares, así como 100 empresas da cadea mar-industria.
O Goberno central négase a traspasar a Galicia a xestión do DPMT, que si concedeu a outras comunidades como Cataluña, Andalucía, Baleares ou Canarias.
“Aínda en funcións, Sánchez segue coa súa teima de arrasar o noso litoral e condicionar o futuro de miles de familias galegas. Segue querendo gobernar a costa de Galicia, e o que é peor: coa complicidade do PSdeG e do BNG”, lamenta a número dous dos populares galegos.
Parécelle “curioso” que, “con todo o que lles está caendo agora”, un alto cargo do Goberno central se atrevera a chamar “declaración de independencia” a unha lei —en relación ás palabras do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán— e que esta mesma semana o delegado do Goberno en Galicia comparara a norma galega coa chamada ley de desconexión de Cataluña.
“Desde o PPdeG non entendemos este novo ataque: un chiste urdido no Consello de Ministros. O Sánchez que considera inconstitucional a Lei do litoral de Galicia é o mesmo que considera constitucional a amnistía; que cre que o referendo de independencia tamén é constitucional; e ao que tamén lle parece constitucional darlle 450.000 millóns a Cataluña e nada ao resto”, di Prado.
A secretaria xeral fai fincapé en que o Partido Popular “seguirá defendendo a Galicia co presidente Alfonso Rueda á cabeza, tal e como demostrou el mesmo esta semana no Debate do Estado da Autonomía ou na reunión que mantivo co ministro de Industria”.
Critica que o PSdeG “estea máis preocupado nas súas guerras internas que polo futuro da nosa Comunidade” e que o BNG prefira “apoiar a un Goberno que ataca a Galicia que sentarse con un que a defende”.
“Seguiremos demostrando que a pesar de que o Goberno de Sánchez, axudado polo PSdeG e o BNG, pretende poñerlle freo a Galicia, Galicia non para e non vai parar”, conclúe Paula Prado.
O Partido Popular presentará unha moción nos concellos costeiros para que os plenos municipais amosen o seu rexeitamento ante o recurso de inconstitucionalidade e insten ao Goberno “a reconsiderar a súa decisión, sentándose a negociar con Galicia unha lei que se fundamenta nas lexítimas competencias exclusivas que á nosa comunidade lle recoñece o seu Estatuto”.