O Partido Popular de Galicia lembrou hoxe que a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz, “priorizou coller a pancarta” en plena vaga de lumes, o 21 de agosto, e lamenta que despois diso “agora veña a Galicia tres semanas despois a dar leccións con palabras ocas”.
“Parece unha mala broma que hoxe na súa visita pedira que as administracións se dean a man e deixen as leas a un lado, apelando á política útil, cando durante os incendios non apareceu para axudar pero si para manifestarse”, critican desde o PPdeG.
Os populares galegos rememoran que, en agosto, a galega “interrompeu as súas vacacións polas Rías Baixas unicamente para criticar”, uníndose ás manifestacións convocadas polo BNG e sen nin sequera desprazarse ás zonas queimadas; e “en ningún momento tivo a intención de aportar”.
“Non se corta un pelo. En 2024 xa veu a Galicia a posturear e buscar pélets con lupa nunha praia. Menos mal que aos galegos xa non nos engana”, censuran.
“Non é casualidade”, engaden, que cando se trata da corrupción do PSOE, da quita da débeda ou de esixir medios para os lumes ao Goberno central, “aí Yolanda Díaz non sae á rúa coa pancarta”.
Por último, os populares denuncian que este venres Díaz “volveu lanzar o bulo” de que a extinción de incendios está en mans privadas, cando os 3.000 efectivos do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia son traballadores públicos. “Nótase que non coñece a nosa Comunidade, nin lle interesa, nin vén moito por aquí, e así lle vai”, conclúen.