Os populares resaltan as prexudiciais consecuencias que supón a norma do Goberno central para o sector mar-industria
O PPdeG lamenta que a ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, restase importancia ás prexudiciais consecuencias que supón para o sector mar-industria no litoral galego o novo Regulamento de Costas, tal e como afirmou a socialista na súa visita a Galicia esta semana.
Os populares lembran que o Executivo central vén de aprobar unha norma que supón un ataque directo ao noso litoral e coa que busca, ao igual que fai coa Lei de Cambio Climático e co Plan estratéxico do litoral, “expulsar da nosa Comunidade toda presenza de actividade social e económica sen xustificación técnica algunha”.
Dende a formación, salientan que grazas aos esforzos da Xunta de Galicia, que recorreu o artigo 20 da Lei de Cambio Climático ante o Tribunal Constitucional, este novo Regulamento non poderá estender a súa regulación restritiva ás prórrogas extraordinarias xa outorgadas.
Ademais, alertan de que a norma elimina toda posibilidade de que, en servidume de protección, se autorice un cambio de uso de edificios existentes e que poidan ter un valor histórico e cultural; algo que Galicia leva reclamado desde hai anos. “Chama a atención a dobre vara de medir por parte do Goberno, quen si está a modificar o uso das instalacións que son da súa propiedade, como é o caso dos faros”, subliñan os populares.
Por último, critican que o Executivo central abra a vía para variar os límites do dominio público marítimo-terrestre dun xeito “totalmente arbitrario”, xa que, ata o de agora esta modificación producíase cando se constataban cinco alcances do mar nun período de cinco anos, pero, con este Regulamento, bastará un só alcance para que se poida cambiar este límite.