Santiago, 24 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez lembrou hoxe no Parlamento que o Concello de Betanzos é o propietario do Parque do Pasatempo e deste xeito “é quen debe velar pola conservación deste ben protexido, tal e como se recolle na Lei de Patrimonio de Galicia”.
Porén, María Antón subliñou que “nós cremos na colaboración insterinstitucional e por iso a Xunta pon a disposición do Concello o apoio técnico necesario para sacar adiante o proxecto de conservación e para poñer en marcha o expediente que permita a súa declaración como Ben de interese cultural, na categoría de xardín histórico”.
Antón Vilasánchez criticou aos grupos da oposición por “desviar a atención mediática cara a Xunta de Galicia ao facela responsable daquilo que non lle corresponde e, sobre todo, por dar a entender xa que o Concello de Betanzos, unha vez recuperado o Pasatempo, vai facer caso omiso das súas competencias de conservación e mantemento”.
Neste sentido, apuntou que “os responsables da Consellería de Cultura xa se comprometeron a revisar o anteproxecto de rehabilitación destes espazo e a prestar asesoramento técnico para a súa adecuación e orientación á normativa vixente”.
IMPLICACIÓN DA XUNTA
“Pero a Xunta está implicada coa recuperación do Pasatempo non só desde a Consellería de Cultura, porque hai outros departamentos que están a colaborar, como a Dirección Xeral de Xuventude, que asinou un convenio co Concello de Betanzos para a realización dun campo de traballo xuvenil neste xardín”, concretou. Deste xeito, sinalou que “non se pode falar dunha negativa da Xunta cando a Administración autonómica, no exercicio das súas competencias, está colaborando co propietario do ben”.
A deputada popular subliñou que “creemos na colaboración interinstitucional, pero tamén na colaboración público-privada na procura de fondos de programas europeos que axuden a este fin ou en calquera outra iniciativa que poda desenvolver o Concello de Betanzos que permita a recuperación deste espazo”.