1 de febreiro de 2023. O Partido Popular de Galicia levará ao Congreso a proposición non de lei, xa aprobada por unanimidade no Parlamento galego, a través da que se solicita ao Goberno de España que habilite un rexistro centralizado onde poder obter o certificado de titularidade das contas, saldos e posicións bancarias dunha persoa falecida, coas cautelas que esixa a lexislación vixente, en especial en materia de protección de datos.
A deputada popular no Parlamento galego Felisa Rodríguez reuniuse cos deputados do PP no Congreso Javier Bas e Juan Constenla para trasladarlles a proposta aprobada no Parlamento galego, que ten como principal obxectivo “facilitar aos herdeiros o acceso á información para cumprir as obrigas legais e tributarias con certeza, claridade e seguridade”, dixo.
TRÁMITES PENDENTES DE AXILIZAR
Se ben nos últimos anos se deron importante pasos á hora de axilizar todas as xestións burocráticas e trámites específicos relacionados co pasamento dunha persoa, existen trámites que aínda están pendentes dunha maior axilización. “Unha destas cuestións é coñecer con exactitude as contas bancarias das que era titular a persoa falecida e que, pola razón que fora, poden ser descoñecidas polos herdeiros”, explicou Felisa Rodríguez.
“Por esta razón, e recollendo as demandas de moitas familias e as suxestións que realizan profesionais das asesorías e xestorías, o PPdeG considera necesario habilitar un procedemento sinxelo para que se poida obter un certificado onde se acredite en que entidades bancarias o falecido ten contas, saldos ou posicións bancarias”, apuntou.
A deputada popular lembrou que esta proposición non de lei, que agora será trasladada ao Congreso polos deputados galegos Javier Bas e Juan Constenla, xa foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. “Consideramos que este rexistro debería estar incluído no Ministerio de Xustiza e sería complementario aos rexistros do certificado de defunción, as últimas vontades e os contratos de cobertura de seguros de falecemento”, dixo.
Felisa Rodríguez manifestou que “coñecer as contas bancarias da persoa falecida, coas precaucións, limitacións e cautelas que esixa a normativa vixente de protección de datos, evitaría tamén cobranzas e pagos non desexados, e facilitaría o proceso de aceptación de herdanza, tendo en conta que a persoa herdeira tamén se fai cargo das débedas, así como faría moito máis sinxelas as operacións de partición da herdanza”.