13 de xaneiro de 2023. A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia anunciou hoxe en rolda de prensa que a súa formación levará ao Parlamento galego unha petición para que Pedro Sánchez cese á ministra e á secretaria de Estado de Igualdade e modifique “canto antes” a Lei do ‘só si é si’. “Debemos dicir ‘basta xa’ e deixar de branquear as decisións dun Goberno que hai moito tempo que perdeu o rumbo da igualdade real e da loita contra a violencia de xénero”, afirmou ao respecto.
Paula Prado mostrouse moi crítica coa actitude da secretaria de Estado de Igualdade: “Nun posto público, non todo vale, e as súas risas traspasaron todas as liñas vermellas posibles”. Afeoulle a Angela Rodríguez a súa “nula validez para ser secretaria de Estado e para cobrar 120.000 euros públicos” e dirixiuse directamente ao presidente do Goberno para reclamar o seu cesamento: “Señor Sánchez, non pode esperar un minuto máis e debe cesar a quen estase rindo das vítimas de violencia de xénero e considera que reducir penas e liberar agresores sexuais é un chiste”
A secretaria xeral dos populares galegos considera que son “cómplices desta broma de mal gusto” tanto os ministros e ministras que aprobaron a Lei do ‘só si é si’ como os deputados e deputadas que votaron a favor desta Lei “sabendo o que ía ocorrer con ela”. Neste sentido referiuse directamente ao deputado do BNG no Congreso: “Non só votou a favor desta Lei, senón que é incapaz de reprobar as palabras da secretaria de Estado e con isto segue demostrando que o feminismo do BNG é de quita e pon, un feminismo de pancarta con absolutamente nada detrás”.
Mostrouse especialmente crítica tamén cos representantes galegos do PSOE: “Entre defender a Sánchez e a unha galega que se ri das vítimas, e defender a Galicia, elixen sempre ser delegados do sanchismo”
Paula Prado defendeu a decisión da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, de non acudir hoxe a un acto na Estrada xunto á secretaria de Estado de Igualdade: “O seu xesto representa o sentir de todos neste momento, porque ninguén entendería que a maior representante da igualdade en Galicia, xunto coa conselleira, se sentara a falar coa número dous de Igualdade no Estado como se nada tivera pasado”.
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia concluíu dirixíndose a Pedro Sánchez: “Non é un chiste que unha vintena de delincuentes sexuais en Galicia e máis de 160 en toda España se viran beneficiados por unha Lei que se elaborou para defender ás vítimas e que se volveu en contra delas”.
#NoEsUnChiste
Desde o PPdeG estase promovendo unha campaña en redes sociais co cancelo #NoEsUnChiste á que se sumaron numerosas representantes da formación a nivel local, autonómico e nacional coa que denuncian as consecuencias negativas da Lei do ‘só si é si’ e reclaman a Pedro Sánchez que cese á secretaria de Estado de Igualdade.