O deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, asegurou hoxe que “indigna moito” a aprobación, esta mañá, da prórroga número 42, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.
“E indigna moito máis o desprezo que semana tras semana vimos denunciando. Existen reclamacións constantes desde a Xunta, desde o Parlamento e desde outras instancias”, lamentou Delgado.
A prórroga foi acordada pola Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, o que supón que, só no que vai de lexislatura, xa se adiase en 27 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa.
Os deputados do PPdeG sinalan que, unha semana máis, “o Goberno de Sánchez segue desprezando a decisión unánime do Parlamento de Galicia e, polo tanto, aos galegos e galegas”. “Isto implica é que a proposición de lei orgánica non pode pasar á Comisión e, polo tanto, non pode ser obxecto de discusión e de elaboración do ditame”, explica Celso Delgado.
Desde o seu punto de vista, o Executivo central segue “impedindo e coartando” un debate lexítimo sobre esta cuestión: “En Madrid hai un Goberno insensible que só está preocupado polos intereses propios de Sánchez á fronte do poder e por renderse ante as demandas de aqueles que o apoian, mentres maltratan ás comunidades autónomas onde os votantes non lle dan respaldo”.
“Pero esta non é unha cuestión nin de respaldos nin de afinidades políticas, é unha cuestión de Estado, un dereito lexítimo que ten a Comunidade galega”, rematan os populares galegos, que aspiran a “acabar canto antes con este agravio”.