O Grupo do Partido Popular de Galicia na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do seu portavoz e vicepresidente primeiro, Ángel Moldes, trasladará na próxima reunión da Comisión Executiva da entidade a proposta de elaborar un protocolo de protección para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Esta iniciativa ten como finalidade establecer criterios comúns e estratexias de actuación ante situacións que poidan xurdir no exercicio da súa actividade laboral, garantindo así unhas condicións de traballo dignas e seguras para un colectivo esencial.
Tendo en conta que o SAF é un dos servizos máis demandados no ámbito da atención á dependencia en Galicia e que se presta en toda a comunidade a través dos concellos, Moldes defenderá a necesidade de impulsar un documento que funcione como guía e modelo para todos os municipios galegos.
“O noso obxectivo é dobre: asegurar unha atención de calidade ás persoas en situación de dependencia e, ao mesmo tempo, protexer e mellorar as condicións das traballadoras que desenvolven unha labor fundamental na nosa sociedade”, subliñou Moldes.