A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que a súa formación presentará unha nova iniciativa no Parlamento de Galicia para pedir explicacións e dimisións pola “nefasta e desastrosa” Lei do ‘só si é si’, aprobada polo Goberno central do PSOE e Podemos, que cualificou como “o maior retroceso nos dereitos das mulleres en toda a historia da democracia española”.
Facendo referencia ao balance que se fixo público onte sobre a aplicación desta norma, a número dous dos populares galegos recordou que en total son máis de 1.200 os agresores sexuais que viron rebaixadas as súas penas e máis de 120 os excarcerados con anticipación en toda España. No caso concreto de Galicia, as cifras son “arrepiantes”: 56 rebaixas de pena e 6 excarceracións.
“E todo isto cun Sánchez que aínda di mantén que é o presidente do Goberno máis feminista que tivo España e sen que se tivera producido ningunha dimisión nin asunción de responsabilidade”, afirmou ao respecto Paula Prado mentres recordaba que “o BNG segue defendendo esta lei e non votou a favor da súa modificación no Congreso cando a propuxo o PP”.
Apelando á dor e o desacougo que todo isto ten xerado ás vítimas de agresión sexual e ás súas familias, a secretaria xeral do PPdeG lamentou que esta lei vaia pasar a ser coñecida como a “Lei da Manada” despois de que se beneficiase a un dos autores deste caso “cando se nos vendeu que a lei ía supostamente a endurecer as penas anteriores”.
“QUEREMOS SEGUIR SENDO O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE AOS GALEGOS E ISO SÓ PODE OCORRER ESTANDO AO SEU CARÓN”
Unhas declaracións que se enmarcan na visita que realizou esta mañá a Comisión de Sanidade do PPdeG á sede da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) na Coruña, coincidindo coa celebración da Semana Internacional das Persoas Xordas.
“Seguimos a pé de rúa e en contacto permanente con colectivos e asociacións para coñecer de primeira man e traducilas en medidas alá onde gobernamos”, sinalou Paula Prado poñendo en valor a decisión da Consellería de Sanidade de actualizar a plataforma pola que as persoas xordas poden comunicarse de maneira áxil cos sanitarios dos servizos de urxencias.
Esta medida porase en marcha no primeiro trimestre de 2024 e garantirá a accesibilidade á atención sanitaria das persoas xordas os 365 días do ano e as 24 horas do día.
“Isto é unha boa mostra do compromiso do PPdeG e do Goberno galego coas persoas xordas e un exemplo da nosa aposta porque a nosa Sanidade Pública siga sendo un servizo sobresaínte. Queremos seguir sendo o partido que máis se parece aos galegos e iso só pode ocorrer estando ao seu carón”, concluíu a secretaria xeral.