Santiago, 27 de novembro de 2018.- O Grupo Popular solicitará ao Goberno do Estado no Pleno da vindeira semana que modifique urxentemente a Lei orgánica do réxime electoral xeral para que os españois residentes no exterior poidan exercer o seu dereito a voto coas mesmas garantías que os residentes en territorio español.
Así mesmo, demandará ao Goberno central que asine antes do remate de 2018 a orde de execución das fragatas F-110, un encargo imprescindible para a creación de máis de 7.000 empregos nos estaleiros da ría de Ferrol.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria incorporará un total de 32 cuestións na orde do día, das que máis do 80 por cento son a iniciativa da oposición. “Os tempos de debate de cada iniciativa son paritarios, pero seguimos escoitando que a oposición se sinte amordazada a pesar de falar catro veces máis que o grupo maioritario”, sinalou.
O pleno dará comezo coa comparecencia da conselleira do Mar para dar conta da liña de traballo de cara á negociación dos totais admisibles de capturas e cotas para 2019. “Esta comparecencia producirase días antes de que o 17 e 18 de decembro se celebre un dos consellos de ministros de maior relevancia para o conxunto da frota galega, xa que está previsto que no mesmo se repartan a maioría das posibilidades pesqueiras entre os estados membros”, indicou.
LEI ELECTORAL E FRAGATAS F-110
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que o Goberno do Estado modifique, con carácter de urxencia, a Lei orgánica 5/1985 do réxime electoral xeral nos artigos referidos ao exercicio do voto polos españois residentes no exterior. “O obxectivo é que estas persoas poidan exercer o seu voto con todas as garantías legais e xurídicas, e coas mesmas garantías que os residentes en territorio español”, indicou Puy.
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que antes de que remate o presente ano asine a orde de execución das cinco fragatas F-110 da Armada Española nos estaleiros da ría de Ferrol, “un proxecto comprometido polo anterior Goberno do PP e que xa ten consignada unha partida superior aos 250 millóns de euros nos orzamentos xerais do Estado para 2018”.
Pedro Puy lamentou que “a dous meses do remate do ano aínda non se ten establecida a data para a sinatura do contrato técnico deste proxecto, fundamental para o emprego na comarca de Ferrolterra e a modernización das infraestruturas de Navantia en Ferrol, que ao mesmo tempo que acomete estas obras debe avanzar cara ao modelo de estaleiro 4.0”.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a posta en marcha da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia en 2019; as características detalladas da obra de ampliación e remodelación do Hospital da Mariña lucense; e a valoración sobre a campaña da vendima nas cinco denominacións de orixe galegas.
XUSTIFICAR O INXUSTIFICABLE
Cuestionado sobre a ausencia da oposición na Comisión de Investigación sobre a sanidade pública, Pedro Puy indicou que “non saben como xustificar algo inxustificable”. Neste sentido, lembrou que cando pediron a constitución desta comisión querían que o Presidente da Xunta comparecera na mesma, así como o conselleiro e colectivos como colexios médicos ou a Plataforma en defensa da sanidade pública. “Son precisamente os que van vir e o que hai é unha renuncia grave a facer oposición e controlar ao goberno no máximo instrumento que ten esta Cámara e que foi impulsada, ademais, a iniciativa da propia oposición”, manifestou.
“A oposición declina asistir a esta comisión de investigación porque non é capaz de argumentar algo que a maioría da cidadanía sabe que non é verdade”, sinalou o portavoz popular, quen dixo comprender que “sexa difícil para a oposición escoitar, por exemplo, da propia organización de transplantes que se está a traballar máis e mellor pese a ter menos presuposto”.
Puy lamentou que “a oposición tratou de prexulgar a situación da sanidade pública galega desde o propio título da comisión” e indicou que “non está cumprindo o seu deber normal de traballo de controlar ao goberno”. “Frustrado o seu intento de alongar indefinidamente esa comisión, que a sanidade pública non merece, non teñen argumentos e non son capaces de contrastalos coas evidencias das persoas que van vir, dos que case a metade estaban nos plans de traballo que eles mesmos propuxeron”, sinalou.