5 de febreiro de 2023. O Grupo Popular pedirá no Pleno deste semana que o Goberno central impulse as modificacións legais oportunas para que o novo réxime de xubilación activa mellorada para médicos de familia e pediatras de atención primaria poida aplicarse a estes profesionais ata os 72 anos de idade.
“Esta medida constitúe unha solución parcial pero inmediata ao problema de déficit de médicos que segue a atascarse nun modelo de formación sanitaria especializada pendente de reforma e que non xera suficientes especialistas para cubrir a demanda existente a nivel estatal”, sinalou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.
O Goberno de España publicou o pasado mes de decembro no Boletín Oficial do Estado (BOE) un Real Decreto-Lei no que, entre outras cuestións, formulaba un proxecto co obxectivo de facilitar a xubilación activa dos médicos e pediatras de atención primaria. “Neste texto, o Goberno de Pedro Sánchez recoñece unha falta de facultativos de atención primaria, médicos de familia e pediatras no Sistema Nacional de Saúde, que cualifica como ‘acuciante’”, sinalou.
PROBLEMÁTICA COMÚN
Encarna Amigo manifesta que “as comunidades autónomas somos conscientes de que existe unha problemática común coa falta de determinados especialistas, en especial dos médicos de familia, pero tamén somos conscientes de que estes problemas requiren dunha solución común a nivel estatal”.
Esta medida aprobada polo Goberno de España “podería incrementar os seus efectos positivos se se realizasen determinados matices, como o aumento aos 72 anos da idade de xubilación, como ocorre noutros empregos públicos como os de xuíces ou maxistrados”, sinalou a portavoz popular.
Neste sentido, lembrou que “en Galicia xa temos comprobada desde 2016 a eficacia da posibilidade de prolongación do servizo activo, cando permitimos a solicitude de prórroga ata os 70 anos, a idade máxima permitida pola lei”. “Por este motivo cremos que ampliar a idade de xubilación, unido ás condicións extraordinarias que formula o Goberno de España no proxecto de mellora da xubilación activa, podería facer máis atractiva esta opción para os profesionais de atención primaria”, incidiu Encarna Amigo.