Santiago, 8 de febreiro de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno desta semana que o Goberno central suprima a modificación da Lei de costas, incluída no proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética que se está a tramitar nas Cortes, porque afecta directamente ao complexo mar-industria de Galicia e suporá unha perda importante de traballo para este sector.
Así mesmo, solicitará á empresa Siemens-Gamesa que retire o peche anunciado da súa fábrica de As Somozas e se poña en marcha unha mesa de traballo, con representantes do Goberno central, da Xunta e dos traballadores, para buscar solucións que dean viabilidade a este proxecto.
O portavoz popular, Pedro Puy, salientou que na sesión plenaria que se inicia mañá se procederá á aprobación de dous novos textos lexislativos: o de residuos e solos contaminados; e o de museos e outros centros museísticos de Galicia. “Con estes dous, serán sete os textos lexislativos remitidos polo Goberno galego que aprobamos no Parlamento en seis meses de lexislatura, quedando en tramitación parlamentaria neste momento o proxecto de lei reguladora de acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia e as proposicións de lei impulsadas polo Grupo Popular: a de reforma da Lei de saúde; a de simplificación administrativa e reactivación económica; e a de recuperación da terra agraria”, concretou.
Respecto dos dous textos lexislativos que se aproban mañá, Puy explicou que a nova lei de residuos e solos contaminados “aposta por impulsar a recollida separada, consolidar a implantación da economía circular e camiñar na liña dos principios inspiradores da Directiva marco de Residuos e da política de residuos da Unión Europea”.
Pola súa banda, coa nova Lei de museos “complétase a articulación legal das institucións culturais de referencia, como bibliotecas ou arquivos; e avánzase na accesibilidade, a igualdade e o impulso das novas tecnoloxías nestas instalacións”.
COMPARECENCIA DO VICEPRESIDENTE SEGUNDO
Pedro Puy tamén destacou a comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación para informar das previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento e as actuacións para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais derivadas da crise da Covid-19.
O portavoz popular salientou as dúas proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular sobre “problemas que afectaban ao desenvolvemento da economía galega antes da crise e agora a súa solución faise máis perentoria como consecuencia da pandemia”.
En concreto, indicou que “solicitamos a supresión do artigo 18 do proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética que se está a tramitar nas Cortes Xerais, porque incide de pleno nunha modificación das concesións previstas na Lei de Costas e afecta directamente ao complexo mar-industria galego”.
Estímase que 29 das 100 empresas que se verán potencialmente afectadas por este proxecto de lei xa van ter problemas coa renovación da súa concesión, coa correspondente perda de milleiros de postos de traballo. “Entendemos que neste momento, coa necesidade que existe de recuperar a economía, agrávase a necesidade de retirar esta modificación da Lei de Costas, abrindo unha canle de diálogo co sector para dar estabilidade ao complexo mar-industria”, sinalou.
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará á empresa Siemens-Gamesa que suspenda o ERE da súa planta en As Somozas e acepte a formación dunha mesa de traballo conxunta co Goberno de España, a Xunta e os representantes dos traballadores para atopar unha solución que garanta a viabilidade e o futuro da planta.
“Estamos a falar dunha nova decisión empresarial que afecta á comarca de Ferrolterra, que xa está a padecer problemas laborais derivados da falta de traballo nos estaleiros da ría de Ferrol e do peche da central térmica de As Pontes”, manifestou.
PLAN DE VACINACIÓN
Por outra parte, e cuestionado polo plan de vacinación contra a Covid-19, Pedro Puy salientou que “en Galicia se está vacinando ben e de acordo co pactado a nivel estatal”. Neste sentido, apuntou que na Comunidade galega xa se puxeron cerca de 100.000 vacinas e asegurou que “se non se vai máis deprisa non é pola falta de medios, senón polo feito de que non hai vacinas”.
O portavoz popular considerou “inxusto que se cuestione algunha vacinación, porque se está traballando co máximo rigor e seriedade, vacinando aos grupos de persoas e profesionais que a Comisión Territorial ten designados”. “Un caso concreto, aínda que sexa discutible, non debe de empañar o conxunto dunha campaña planificada”, sinalou.