Os populares agardan que a oposición se una á candidatura que impulsa a Xunta e que busca xerar emprego e reactivar o noso tecido produtivo
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e o deputado Francisco Conde pediron ao BNG e ao PSdeG que se unan “á candidatura de país” que a Xunta segue impulsando para optar aos fondos Next Generation, solicitando que tamén se sumen á reivindicación colectiva para que o Executivo central estableza criterios de reparto obxectivos e transparentes que permitan a Galicia competir en igualdade de condicións.
Así se expresaron nunha xuntanza telemática da Comisión de Industria do PPdeG celebrada esta mañá, na que esixiron maior transparencia, maior colaboración coas Autonomías e unha cogobernanza real. Segundo sinalaron, os populares agardan que os nacionalistas e os socialistas aporten as súas propostas á Comisión de Reactivación xa que, como subliñou Conde, “a única forma de que os autónomos, as pemes e as familias poidan apostar polo futuro é a suma do esforzos entre todos”.
Igualmente, aseverou que a candidatura de Galicia é unha oportunidade para reactivar e transformar o noso tecido produtivo. “A nosa prioridade é xerar emprego”, dixo incidindo en que se busca abrir novos horizontes nun contexto dixital e de aposta pola transición ecolóxica, pero que tamén se garanta unha economía sustentable de cara o futuro.
Cómpre salientar que a nosa Comunidade está conformando un proxecto fundamentado na colaboración público-privada para poder traballar cos sectores produtivos do noso país como o da automoción, o biotecnolóxico, o téxtil e o naval para obter novas oportunidades.
EVITAR UN REPARTO PARTIDISTA
Pola súa parte, Miguel Tellado lamentou que o BNG comece agora a preocuparse por uns fondos nos que a Xunta leva traballando dende mediados do ano pasado, cualificando a súa actitude como oportunista.
Nese senso, lembrou que, ao longo destes oito meses, os nacionalistas nunca propiciaron un acordo unánime no Parlamento en defensa dos intereses de Galicia no que respecta a esta cuestión e que, ademais, todo parece indicar que o Goberno de Sánchez, avalado polo Bloque, vai facer un uso partidista do reparto no que a Comunidade sairá penalizada “por un PSOE que sempre a prexudica”.