Santiago, 5 de outubro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro emprazou ao Concello de Burela a solicitar formalmente a cesión da parcela situada no número 7 da travesía do Porto, (detrás do edificio de Capitanía Marítima) “se de verdade ten interese real por facerse coa súa titularidade”.
Balseiro revelou que, a pesar de que hai más de tres anos que existe un procedemento normativo formal para tramitar os expedientes sobre aqueles terreos portuarios susceptibles de ser revertidos aos concellos (solicitude que se realiza a través da Federación Galega de Municipios e Provincias), o Goberno municipal de Burela aínda non fixo esta petición para facerse coa titularidade desta parcela.
EMPEZAR A CASA POLO TELLADO
En consecuencia, o deputado popular cualificou de “fogos de artificio” a iniciativa presentada polo PSdeG no Parlamento de Galicia solicitando o apoio da Cámara a esta cesión de titularidade que o Concello de Burela aínda non formulou. “Pretenden empezar a casa polo tellado”, concluíu.
Balseiro tamén explica que os populares non se opoñen á cesión desta parcela pero si teñen serias dúbidas que agardan poidan resolverse ao longo deste procedemento. “Desde o Concello de Burela fixeron unha solicitude para a instalación dunha zona de ocio infantil, unha demanda que non se puido atender por parte de Portos de Galicia porque non se poden autorizar usos distintos aos portuarios, pero o que si poden facer desde o Concello é solicitar a titularidade da parcela para que pase a ser municipal, trámite que a día de hoxe non está feito”, apuntou.
Por outra banda, José Manuel Balseiro asegurou que tampouco consta ningún tipo de consulta ao sector pesqueiro sobre a idoneidade desta cesión, “e sería importante coñecer de antemán a súa opinión, xa que eses terreos poden ser necesarios no caso de ampliación das instalacións do porto ou para outros usos de interese pesqueiro”
RIGOROSIDADE E INFLEXIBILIDADE DE COSTAS
O deputado popular tamén advertiu que, de renunciar Portos de Galicia á titularidade desta parcela, os terreos poderían pasar a depender da Dirección Xeral de Costas, o que podería ser un problema pola rigorosidade e inflexibilidade deste organismo estatal cando se trata de autorizar novos usos do dominio público-marítimo terrestre
“Estamos a velo coa dificultade de emprazamento da nova EDAR. Na futura parcela poderían verse limitados os prazos de duración das concesións, verse sometidos á dobre imposición de taxas municipais e estatais, ou dilatarse sine die a cesión definitiva ao Concello”.