Santiago, 14 de xuño de 2018.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, demandou hoxe no Parlamento ao Concello de Poio que “clarexe a localización da nova depuradora, de xeito que posteriormente Portos de Galicia poida levar adiante os proxectos de reordenación dos portos de Covelo e Raxó”.
Teresa Egerique lembrou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, está a traballar na mellora dos peiraos no concello de Poio, en concreto nos portos de Raxó, Covelo, Combarro e Campelo, con proxectos que suporán un investimento superior aos 600.000 euros.
INFRAESTRUTURA VITAL
“Destro da proposta de máximos que presentou no ano 2011 para os portos de Raxó e Covelo, Portos de Galicia atópase neste momento proxectando unha nova actuación de humanización do bordo portuario de Raxó, que inclúe a definición dunha nova zona semipeonil, adoquinado e pavimentación da zona”, concretou.
A portavoz popular explicou que “esta obra vén marcada pola necesidade de instalar unha nova depuradora no concello de Poio, unha infraestrutura vital para o municipio e que non se debe entorpecer”.
“Por este motivo, consideramos necesario que o Concello de Poio estableza definitivamente a localización desta depuradora para avanzar no proxecto de reordenación do bordo portuario”, sinalou Egerique.