A “inxusta” aceleración do proceso obriga a máis dun cento de municipios galegos a dispoñer do contedor marrón nuns tempos “inasumibles”
O PPdeG presentará mocións nos Plenos municipais para instar ao Goberno central a ampliar o prazo fixado na súa Lei de residuos e permitir así que os concellos de máis de 5.000 habitantes implanten a recollida separada de biorresiduos seguindo o estipulado na Directiva europea e na Lei de Residuos de Galicia, que fixan a data límite en decembro de 2023.
O pasado mes de abril entrou en vigor a Ley de residuos y suelos contaminados para una economía circular, cuxo artigo 25 introduce a esixencia de que os municipios superiores a 5.000 habitantes deben ter implantado antes do 30 de xuño de 2022 o contedor marrón.
Os populares destacan que isto supón “unha enorme contradición”, insistindo en que tanto a Directiva Marco de Residuos europea como a Lei de Residuos de Galicia sitúan o prazo para ter o quinto contedor a finais do próximo ano, sen diferenciar aos municipios en función da súa poboación.
Esta “inxusta” decisión do Goberno central reduce os tempos en 18 meses e dálles só dous ás entidades locais afectadas tras a entrada en vigor da lei. Isto afecta en Galicia a máis dun cento de concellos que se ven obrigados a acelerar un proceso que leva meses implantar, co conseguinte prexuízo para os municipios e a práctica imposibilidade de cumprir os prazos fixados por lei.
Os populares insisten en que este é un período “practicamente inasumible” para que a maior parte dos concellos poidan implantar a necesaria recollida separada dos biorresiduos para o seu posterior axeitado tratamento.
Ademais, cómpre sinalar que o incumprimento deste prazo leva aparellado sancións de ata 100.000 euros para as entidades locais, xa que a lei estatal considera este feito como unha infracción grave.
Fronte a posición do Executivo de Pedro Sánchez, que demostra unha vez máis non coñecer a realidade municipal nin a necesidade dun período de adaptación, o PPdeG está aliñado coa necesidade dunha Galicia cada vez máis sostible, aínda que continuará defendendo que este proceso debe facerse “paso a paso”.